A persoa afortunada co premio do Día da Nai de Acisa Ribadeo ten ata o 21 de maio para reclamalo na oficina da asociación. A papeleta é a 7.206. Trátase dos catro últimos números do sorteo extraordinario da ONCE de onte, 6 de maio (27.206). O premio consiste en 300 euros en vales de compra para gastar nun só día co asesoramento e acompañamento dun persoal shopper.
Desde Acisa lembran que “a persoa gañadora deberá recoller o seu premio nos quince días seguintes á data de celebración do sorteo. Este agasallo caducará o 21 de maio. De non ser unha nai a gañadora directa, o gañador ou gañadora deberá designar á súa nai ou a outra que coñeza para regalarlle o premio”.
E engaden que “a gañadora gozará dun sábado, no mes de maio, dunha sesión de beleza e dun día de compras guiada por un asesor de imaxe que a acompañará para gastar os 300 euros deste premio, e para ter a oportunidade de que un experto a asesore para facer un cambio de imaxe aínda que sexa por un día. O agasallo incluirá ao menos un tratamento de beleza nun dos centros asociados, unha compra nunha xoiería e unha compra nunha tenda de roupa ou de complementos”.
Acisa recomenda “a todas as persoas que estes días pasados fixeron as súas compras do día da nai nos locais asociados a que revisen as súas papeletas e si están en posesión da premiada que se acheguen o antes posible ás nosas instalacións para poder gozar do agasallo”.
Días azuis
Por outra banda, a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos únese á campaña Días Azuis do Comercio Galego, que ten lugar do 7 ao 21 de maio. A Federación Galega de Comercio sorteará 16.200 euros en premios repartidos en 80 tarxetas prepago de ABanca de 300 e 150 euros cada unha.
Todos aqueles consumidores que desexen participar na campaña o único que teñen que facer é rexistrar a súa compra en www.diasazuis.com a través de calquera dispositivo electrónico. Tamén poden pedirlle ao comerciante que lles faga a xestión en www.diasazuis.com/comercios
A campaña está organizada pola Federación de Comercio e pola Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.