ACISA Ribadeo pon en xogo na súa campaña do Día da Nai 300 euros en vales de compra para gastar nun só día co asesoramento e acompañamento dun persoal shopper. Trátase da primeira vez que se leva adiante unha acción deste tipo na comarca. Aquelas persoas que fagan as súas compras do 27 de abril ao 6 de maio no comercio asociado obterán as rifas para participar nesta campaña. O boleto gañador será aquel cuxas catro últimas cifras coincidan co premio do sorteo extraordinario da ONCE do 6 de maio, día da nai.
A persoa gañadora deberá recoller o seu premio nos quince días seguintes á data de celebración do sorteo. Este agasallo caducará o 21 de maio. De non ser unha nai a gañadora directa, o gañador ou gañadora deberá designar á súa nai ou a outra que coñeza para regalarlle o premio.
A gañadora gozará dun sábado, no mes de maio, dunha sesión de beleza e dun día de compras guiada por un asesor de imaxe que a acompañará para gastar os 300 euros deste premio, e para ter a oportunidade de que un experto a asesore para facer un cambio de imaxe aínda que sexa por un día. ACISA Ribadeo encargarase de poñer en contacto á gañadora do premio co asesor persoal, e a data para gozar desta experiencia fixarase entre a gañadora e o persoal shopper coa mediación de ACISA. Preferiblemente será nun sábado nunca máis tarde do mes de xuño. Para que a gañadora poida disfrutar do premio debe aceptar á súa entrega as condicións do concurso establecidas nas bases.
O agasallo incluirá ao menos un tratamento de beleza nun dos centros asociados, unha compra nunha xoiería e unha compra nunha tenda de roupa ou de complementos. Realizarase o pago cos vales de compra de ACISA Ribadeo e estará supervisado polo asesor de imaxe, que levará á gañadora aos establecementos asociados.
ACISA Ribadeo pretende con esta campaña “innovar, saíndonos dos tradicionais premios, de aí que pensaramos en contar co persoal shopper que acompañará á gañadora para facer un cambio de imaxe por un día. A asociación planificou esta campaña con especial cariño pensando nas persoas ás que vai dirixida, ás nais, ás que tamén temos que mimar de xeito especial”.
O xerente de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez, subliña que “se trata da primeira vez que se pon en marcha unha acción deste tipo na Mariña. Pretendemos que sexa algo novidoso e orixinal nesta zona e queremos incentivar as compras no noso comercio, nos nosos locais asociados, xa que os últimos meses foron complicados para o sector. Desexamos que as vendas aumenten estes días e que esta campaña teña unha boa acollida entre a clientela do comercio ribadense”.
As bases da campaña, que foi presentada hoxe polo presidente en funcións, David Martínez, atópanse colgadas en todas as redes sociais de ACISA Ribadeo e tamén na súa páxina web para que calquera persoa poida consultalas.