Aproveitando a chegada da Semana Santa e con ela a de miles de turistas a Ribadeo a Concellaría de Turismo pon en marca o vindeiro xoves, 29 de marzo, unha serie roteiros guiados polo monumento natural da praia das Catedrais, “considerando esta actividade como un reclamo e atractivo turístico máis dentro da nosa oferta de lecer, tratando así, de por en valor o noso patrimonio”, anunciou a edil Ana Martínez.
A concelleira de Turismo engadiu: “é por iso que desde este departamento desexamos incorporar este ano unha nova actividade que redunde na calidade, diversidade e vistosidade do noso patrimonio. Trátase duns 13 roteiros guiados polo monumento natural da praia das Catedrais, a través dos cales se mostrarán os aspectos históricos, culturais, etnográficos, xeográficos, naturais e mitolóxicos relacionados cos lugares polos que se discorre. Estes están pensados para todo tipo de público, incluído o infantil, agora ben no caso de menores de doce anos estes deberán ir acompañados de un adulto durante a actividade”.
Ana Martínez explicou tamén que “o roteiro deseñado transcorrerá dende o comezo do monumento natural da praia de Augas Santas (As Catedrais) ata Rinlo, o que é unha distancia de 9 quilómetros. Levarase a cabo durante o xoves, venres e sábado de Semana Santa e os sábados 5, 12, 19 e 26 de maio e 2, 9, 16, 23 e 30 de xuño, en horario de 10.00 a 14.00 horas. A estas xornadas sumaráselles un día de ruta cos empresarios do sector da hostalería do concello. O lugar de encontro será diante do punto de información turístico da praia de As Catedrais. Recomendamos levar calzado de montaña e escarpíns para camiñar sobre as rochas, roupa de auga, bañador ou pantalóns curtos e auga”.
As prazas son limitadas e para formalizar a reserva pode facerse a través do correo electrónico turismo@ribadeo.org ou no teléfono 982.128.689.