Este domingo, día 21, haberá un concerto lírico de Cara Voce no auditorio municipal a partir das oito da tarde. Dúas sopranos e unha pianista interpretarán obras de Mozart, Falla ou Schubert, entre outros autores. O prezo da entrada será de 3 euros, segundo anunciou o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
O edil ribadense explicou que “este domingo, 21 de xaneiro, ás oito da tarde no auditorio municipal Hernán Naval imos ter un concerto lírico. Vainos visitar o grupo Cara Voce, composto por Susana Gudín e María Alfaro, sopranos, e pola pianista Elia Esipovich. Van interpretar obras de Mozart, Debussy, Gounod, Schubert, Falla, … Vai ser unha combinación de música clásica e máis zarzuela. Imos podes escoitar algunha peza das Bodas de Fígaro, de Mozart, outras de Debussy, piano só, piano e voces,…”.
Farruco Graña dixo que “é unha aposta interesante. Foi unha oportunidade que apareceu sobre a marcha. É unha actuación que está fóra da programación que xa anunciamos, pero que pagou a pena arriscarse para aproveitar que estaban pola zona e así escoitalas tamén en Ribadeo”.
O concelleiro de Cultura quere “convidar a todos e a todas, amantes da música lírica, a que visiten este domingo, 21 de xaneiro, ás oito da tarde o auditorio municipal Hernán Naval para escoitar un excelente concerto lírico a cargo do grupo Cara Voce. A entrada será de 3 euros para todos os públicos”.