O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “o sábado pola tarde celebraremos o concerto dedicado a Santa Cilla, realizado pola Banda Municipal de Música de Ribadeo. Será no Teatro ás oito e media da tarde. E o domingo 26, unha novidade que non estaba incluída na programación, o grupo de teatro de Ribadeo dirixido por Toni Deaño vai representar O inspector, de Nikolái Gógol, será ás seis e media da tarde na escola de Cinxe. Non estaba incluído este acto na programación, posto que estabamos pendentes de ubicar a representación que non puido terse realizado na primavera pasada por indisposición dalgún dos membros do grupo de teatro”.
O concelleiro de Cultura lembrou que “ao longo de todos estes días e ata o 13 de decembro, poderemos contemplar as fotografías de Peter Schneider, un fotógrafo alemán que está afincado na nosa terra e que ten unha exposición que leva por título Tempo escuro. Trátase dunha exposición dedicada a aqueles tristes e negros días posteriores ao afundimento do Prestige nos que as nosas praias e as nosas costas se cinxiron de negro. Rememorar para lembrar con que actitude cívica e con que afouteza fixemos fronte a unha situación calamitosa. A arte ao servizo do espírito crítico e ao servizo tamén da beleza posto que as fotografías de Peter Schneider ben paga a pena velas, tanto por cuestión estética como pola denuncia que representan. Na sala de turismo en horario de apertura da oficina de turismo Tempo escuro, de Peter Schneider a disposición de todos e todas nós”.