Catorce modalidades ofrecen as escolas deportivas de inverno do Concello de Ribadeo. Matrícula aberta do 18 ao 29 de setembro.

Do 18 ao 29 de setembro estará aberto o prazo de matrícula nas 14 escolas deportivas municipais de inverno, que organiza o Concello. Como novidade incorpórase xadrez “co club recentemente creado en Ribadeo”, segundo subliña o edil de Deportes, David Rivas. 

As modalidades que se impartirán desde setembro e ata maio e xuño do 2018 serán fútbol, fútbol sala, karate, patinaxe, natación, rugby, atletismo, tenis, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis de mesa, pádel, hoquei liña e xadrez. 

O pagamento da matrícula, 60 euros por escola, poderase efectuar ata o 16 de outubro na conta corrente que o Concello ten aberta en Caixa Rural, poñendo no concepto Matrícula escola deportiva e o nome d@ matriculad@. O resgardo debidamente cumprimentado será entregado na Casa da Xuventude. A falla do ingreso suporá a baixa na/s escola/s.

O inicio das actividades irase producindo desde o 18 deste mes ao 15 de outubro e o remate será entre o 15 de maio e o 15 de xuño. 

As escolas deportivas municipais de inverno están destinadas a nen@s nad@s entre os anos 2004 e 2013, ambos incluídos. O concelleiro David Rivas lembra que “nas que teñen límite de prazas realizarase un sorteo entre os inscritos o 3 de outubro, tendo preferencia @s empadroad@s ou escolarizad@s en Ribadeo. E no caso de falta continuada, daríase de baixa, e ocuparía a praza o primeiro reserva”. 

O edil de Deportes subliña que “o prezo mantense igual que os últimos anos. Non hai variacións”. 

As inscricións pódense realizar na Casa da Xuventude, situada na rúa Antonio Otero, 15, de luns a venres de 9 a 14 horas e martes e xoves tamén pola tarde de 16 a 19 horas. As persoas interesadas poden obter máis información chamando ao teléfono: 982 129 889, no correo deportes@ribadeo.org ou a través do facebook de Deportes.