O salón de actos do Concello de Lourenzá acolleu hoxe a presentación da iniciativa denominada Trouleando polo Camiño Norte, que organizan os concellos de Vegadeo,Trabada, Lourenzá e Mondoñedo e as asociacións Asturgalaica e Abrindo Camiño. No acto participaron as alcaldesas de Trabada e de Lourenzá, Mayra García Bermúdez e Rocío López García; o alcalde de Vegadeo, César Álvarez Fernández; a concelleira mindoniense Ángeles Rodríguez Rico; os presidentes dos colectivos que están na organización desta actividade, Luis Fernández Ansedes e Manuel Méndez Vázquez, e outros representantes destas asociacións.
A iniciativa consiste nun recorrido a pé “de promoción do histórico e orixinal trazado” desde Salave, en Tapia de Casariego, ata Mondoñedo, pasando por Vegadeo, Trabada e o Val de Lourenzá.
Estes itinerarios realizaranse os domingos días 3 de setembro, 8 e 29 de outubro. Desenvolveranse diversas actividades complementarias, como unha Mesa do Camiño Norte, de Concellos e asociacións do Camiño Norte no tramo que vai de Oviedo a Arzúa. Nesas sesións de traballo terá lugar a presentación do proxecto Ultreia.
As inscricións faranse nos concellos, que porán a disposición autobuses para os asistentes durante as tres xornadas de promoción deste trazado do Camiño Norte.
Este domingo, día 3 de setembro, realizarase a etapa Salave-Tol-Vegadeo, duns 17 quilómetros. Os participantes entrarán en Vegadeo acompañados por unha banda de gaitas, visitarán a feira ecolóxica Eco 21 e ás 14 horas participarán nunha espicha veigueña, na que poderán degustar gratuitamente empanada e paella.
O sábado 7 de outubro haberá unha xornada na Casa da Cultura de Trabada; ao día seguinte percorrerase a etapa Vegadeo-Abres-Trabada, duns 20 quilómetros; e o domingo 29 de outubro realizarase a etapa Trabada-Val de Lourenzá-Mondoñedo, que tamén será de 20 quilómetros aproximadamente.