O Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos repite como escenario de excepción deste encontro multidisciplinar no que haberá actividades dirixidas a todos os públicos que poderán entrar de balde ao recinto.
O evento comezará o venres 28 de agosto, ás 19:00 horas, e prolongarase ata o domingo 30 de xullo, ás 15:00 horas; con música e actividades practicamente sen descanso.
Haberá dous escenarios, o principal bautizado como Trance Stage; e o alternativo Delos.
Como cabeza de cartel do escenario principal destaca Yar Zaa (maharetta records), o músico de psy trance máis influente de España e reclamado nos festivais internacionais máis importantes deste estilo musical. Ademais, tamén destaca David FractalMoon, emerxente figura ibicenca que xa estivo en Gadélica na pasada edición; ou Shine, un músico hindú referente nesta tendencia.
Pola súa banda, no escenario alternativo os madrileños Musílabus achegarán a súa música que é unha mistura de electrónica e acústica, coa influencia cubana de parte dos seus membros; e tamén actuarán, entre outros, os vigueses IGMIG, grupo revelación no panorama musical galego.
Ademais, o venres, de madrugada, será a quenda de DJ Chente e o sábado, ás 18:00 horas, actuará o recoñecido cuarteto de clarinetes Tetramorph.
En Gadélica haberá diferentes espazos, con actividades variadas e para todos os públicos. De feito, programáronse talleres de tarot, de mándaras e auga, de sons do corpo, de danza contac, de Rebirthing,sesións de ioga, unha experiencia de sanación don Gongs planetarios, un gabinete esotérico de cartomancia…
Como festival multidisplinar que é, haberá un espazo expositivo, no que se amosará o cadro orixinal desta nova edición de Gadélica, ademais doutras moitas obras.
É un festival pensado para todos os públicos no que os nenos tamén terán o seu protagonismo; de feito o sábado á tarde poderán gozar da actuación de varios dos membros da Asociación de magos afeccionados da Mariña; e tamén de obradoiros de robótica.
Dende o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a gozar deste evento e da grandeza de Sargadelos “nunha fin de semana única, na que a música e a natureza se fusionan ofrecendo unha faceta diferente e máxica desta paraxe que é en si mesma especial, na que se volverá a prestar especial atención á decoración e a ambientación para tentar conseguir ese ambiente excepcional que cautivou e deixou pegada na pasada edición”.
Con esta segunda edición, pois, “damos continuidade a este encontro artístico multidisciplinar que naceu en Sargadelos, e que pretende consolidarse no tempo como unha cita cultural e musical de referencia do verán da Mariña”.
“Agardamos que esta nova edición de Gadélica sexa un punto de encontro para todo tipo de público, esa é a filosofía sobre a que traballamos, de feito, prestamos especial atención á programación de actividades paralelas pensadas para os mozos e mozas, que cremos que resulturán atractivas e interesantes”. No recinto haberá ademais todo tipo de propostas gastronómicas.