A Concellaría de Turismo, Desenvolvemento Local e Turismo organiza dous percorridos guiados por Ribadeo para amosar a vila e a súa riqueza patrimonial e arquitectónica aos visitantes. O primeiro deles arrinca mañá, 18 de xullo.
Ana Martínez explicou que “o que queremos é amosar o Ribadeo máis inaccesible e o máis descoñecido mediante itinerarios e contidos creados por nós e adaptados a todo tipo de públicos. A nosa cidade apaixónanos, o noso traballo tamén. Trátase de 2 visita guiadas por profesionais, que teñen como obxectivo mostrar e dar a coñecer o patrimonio histórico-cultural de Ribadeo”.
A concelleira de Turismo dixo que “pretendemos coñecer o esencial de Ribadeo, os grandes fitos históricos, os seus edificios máis emblemáticos, profundar na súa arte, etc. Desta maneira, visitar Ribadeo cun guía permitiramos percorrer a vila e vela a través dos ollos dun experto descubrindo os seus segredos mellor gardados”.
A edil nacionalista indicou que “co primeiro percorrido poderemos coñecer o noso Ribadeo Indiano e sorprendernos coa súa pegada.Como e sabido, nas últimas décadas do século XIX e as primeiras do XX, Ribadeo viviu unha época de auxe económico, social e urbanístico. A bonanza debeuse en gran medida ao retorno de quen emigrara a América: aos indianos. Eles trouxeron unha arquitectura cosmopolita que se inseriu de forma rechamante entre as casas tradicionais, para simbolizar o triunfo e o éxito conseguido na diáspora”.
As visitas polo legado indiano terán lugar os martes 18 e 25 de xullo; 1, 8, 15, 22 e 29 de agosto e 5 e 12 de setembro ás 11.30 horas da mañá.
Martínez manifestou que “co segundo dos percorridos poderemos descubrir o Ribadeo dos comerciantes e fascinarnos co seu legado. O centro histórico de Ribadeo está declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Aquí construíron as súas casas ricos fidalgos e comerciante que convivían con mariñeiros e artesáns. O resultado é, hoxe en día, un conxunto urbano diferenciado que combina pazos urbanos brasonados con sinxelas construcións. O seu máximo expoñente relixioso, atopámolo na Capela da Atalaia do S. XII, a máis antiga da vila”.
Neste caso as visitas serán os xoves 20 e 27 de xullo; 3, 10, 17, 24 e 31 de agosto e 7 e 14 setembro ás 20.00 horas da tarde.
A concelleira de Turismo subliñou que “estes percorridos son de balde cunha duración de 1 hora. As prazas son limitadas e sempre baixo reserva previa, que poderemos xestionar no teléfono 982 128 689 ou de xeito presencial na oficina de turismo do centro da vila”. O punto de encontro será diante da Oficina de Turismo para os dous percorridos.