Concello e Acisa convidan á hostalaría a participar no IV Ribadeo Indiano. Para facelo deben inscribirse antes do 15 de xuño.

A Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo convidan aos hostaleiros/as a participar na vindeira edición do Ribadeo Indiano, que terá lugar do 7 ao 9 de xullo, organizada por Acisa e polo Concello. Desde este departamento municipal subliñan que “para participar será necesario cumprimentar a correspondente ficha de inscrición antes do 15 de xuño”.

E engaden: “o que queremos é que a hostalaría sexa unha parte importante no IV Ribadeo Indiano, ofrecendo pinchos, tapas e racións, tanto de balde como cun prezo de venda ao público á elección de cada establecemento. No caso dos locais de restauración poderán realizar, como ven sendo habitual, menús degustación, e no caso dos bares e pubs poderán ofertar mojitos, caipiriñas e outros cócteles da época. Este ano, ao igual que os anteriores, deixamos á súa elección o país que lles sirva de inspiración para crear os seus produtos, así como a ambientación de cada local”.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo indican que “a ambientación do local e a caracterización d@s hostaleir@s deberán estar relacionados coa temática da época indiana, quedando á súa libre disposición calquera outro tipo de actividade no seu establecemento”.

@s interesados en obter máis información e tamén para anotarse poden dirixirse á Oficina de Turismo na ría Dionisio Gamallo Fierros, 7, ás instalacións de Acisa na avenida de Galicia, 20-2º andar, enviando un correo electrónico a info@acisaribadeo.es / info@ribadeoindiano.com / turismo@ribadeo.org ou chamando aos seguintes números de teléfono 982 129 565 e 982 128 689.