O vindeiro sábado, 1 de abril, terá lugar no Cenima, en Foz, a presentación dos carteis e dípticos da exposición “Ser visibles”, que se poderá visitar nesa instalación do 7 ao 30 de abril. O acto dará comezo ás 13:30 horas.
Os organizadores invitan “a todos e todas (profesorado dos centros educativos, artistas, asociacións culturais, concellos, medios de comunicación e público en xeral) á presentación dos carteis, que subvencionados pola Deputación Provincial de Lugo, fixemos este ano con motivo da exposición que teremos no Cenima de Foz, coa participación de 11 artistas da Mariña (ADRI PARDO, LALY SANTOS, PILAR REI,LUCÍA CATUXO, ZILÍ KATOVA, CRIS BASANTA, LUCÍA VILA, EVA RIVAS, ALICIA PUCHADES, CARMEN LLONÍN E RENATA OTERO.) entre o día 7 de abril inauguración e o 28 de abril peche. Arredor da cal contaremos ademais cunha serie de actividades relacionadas, entre as que se contan, charlas debate organizadas pola Pomba do Arco, actividade de “Tá en Artes” para os nenos e nenas, conferencia de Rosario Sarmiento o 28 de abril “Arte+Muller na Galicia contemporánea” en colaboración co Observatorio da Mariña pola Igualdade…”.
E engaden: “ao mesmo tempo queremos que esta presentación sirva como reivindicación para que o Cenima teña a sala e dotación económica necesaria para realizar unha actividade á altura do prestixio que os creadores e cidadáns da Mariña se merecen”.
A presentación terá lugar no Cenima de Foz, o 1 de abril ás 13:30 horas “e aproveitaremos para distribuír alí un lote de carteis e dípticos con propostas didácticas para cada centro educativo, para que se poida empezar a traballar con eles a futura visita á exposición e ao mesmo tempo pediremos que nos axudedes a repartir os carteis polas vosas localidades”.