Acisa ultima os preparativos da VI Cea de Gala que terá lugar o vindeiro venres, día 17, ás 21:30 horas no hotel restaurante Voar, de Ribadeo. No evento entregaranse os premios anuais da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, que este ano recaen en Antonio Pertejo Castaño e no restaurante A Cofradía, de Rinlo.
Antonio Pertejo recibirá o premio Ribadense Honorífico, “como empresario histórico ribadense de grande relevancia”, sinalan desde a directiva de Acisa. E como Socio do Ano o premio é para o restaurante A Cofradía “pola súa traxectoria como asociado de Acisa e por ser un negocio próspero que está facendo medrar a proxección turística de Rinlo e de Ribadeo”.
Desde Acisa animan “a todos os asociados e asociadas a que acudan a esta cita anual na que se comparten vivencias e experiencias. Será unha velada agradable na que contaremos coa presenza dun mago e algunha que outra sorpresa. Ao evento tamén pode asistir calquera persoa que o desexe, aínda que non sexa soci@ de Acisa. As entradas están á venda ao prezo de 25 euros tanto no Voar coma na nosa oficina, sita na Avenida de Galicia, nº 20”.
Este foi un dos asuntos abordados na asemblea xeral ordinaria de Acisa celebrada onte á noite e na que tamén se informou da programación das actividades previstas a realizar neste 2017. Entre as novidades destacan o primeiro festival de música urbano, “co que queremos dedicar toda unha fin de semana a traer grupos a Ribadeo desta zona para todas idades, e poder organizar actuacións ou pequenos concertos na vila, no porto e incluso en Rinlo. Gustaríanos facelo en xuño, pero aínda estamos empezando a traballar nesta idea”, dixo o presidente de Acisa, David Martínez. As xornadas gastronómicas da cociña asturiana ou as xa consolidadas campañas dos Días do Pai e da Nai, o Mercado de Rúa, a Noite Flúor ou o Black Friday serán outras das que se desenvolvan ao longo dos vindeiros meses.
Outras iniciativas nas que se traballa para este 2017 pasan por facer e repartir un callejero cos locais asociados a Acisa, que se repartiría en hoteis, na oficina de turismo e na praia das Catedrais a vindeira Semana Santa; a organización de cursos de formación para asociados como de empaquetado, de novas tecnoloxías ou de idiomas; a renovación das marquesiñas que hai na vila co mapa e co listado de socios de Acisa e a compra dunha carpa para a celebración de eventos.
Na asemblea xeral ordinaria celebrada onte aprobouse a conta xeral de ingresos e gastos do exercicio de 2016 así coma o presuposto de ingresos e gastos para este 2017 que ascenderá a 124.000 euros.