A Concellería de Cultura de Foz programa diversas representacións teatrais para este mes de marzo e a primeira delas será mañá, venres. Ademais haberá varias actividades para nenos e nenas organizadas pola Biblioteca Pública Municipal nos meses de abril e maio dentro do programa Ler conta moito.
A concelleira de Cultura, Silvia Blach, anunciou hoxe que “mañá, venres, 10 de marzo, ás seis e media da tarde, temos na Casa da Cultura de Foz Ubú Teatro coa súa obra A Galiña azul, de Carlos Casares. É un espectáculo programado por FalaRedes e a Biblioteca Pública Municipal”.
Silvia Blach engade que “o mércores 19 de abril, ás seis e media tamén na Casa da Cultura, teremos a Elefante Elegante con Lobo bobo. É unha programación de Ler Conta Moito e da Biblioteca Pública Municipal de Foz. O venres 16 de maio, ás seis na Casa da Cultura de Foz, Barandullo Azul con Filipa cos contos. É un espectáculo para nenos de máis de 3 anos tamén dentro do programa Ler conta moito e organizado pola Biblioteca Pública Municipal. En maio tamén hai que contar co certame de narración e de debuxo As Letras Galegas 2017, para o que vai estar aberto o prazo de presentación de traballos ata o 15 de maio”.
A responsable de Cultura en Foz salienta que “en canto as actividades que temos dentro da programación de cultura de Foz, está o sábado 11 de marzo, ás seis e media na Sala Bahía, a obra de Sarabela Teatro O secuestro da bibliotecaria. Os prezos serán 1,5 euros para os nenos e 2,5 euros para os adultos”.
Silvia Blach subliña que “do luns 13 ao venres 17 de marzo no Cenima ás oito da tarde teremos as audicións instrumentais da Escola Municipal de Música de Foz. O luns, violín e guitarra clásica; o martes, vento madeira; o mércores, guitarra moderna; o xoves, movemento e piano; e o venres, vento metal e percusión”.
A concelleira engadiu que “o venres 24 de marzo ás nove e media na Casa da Cultura teremos teatro. A compañía Teatro do Morcego realizará a súa obra Presidente. O sábado 25 de marzo ás oito da tarde na Sala Bahía haberá Concerto de Cine, a cargo da Banda Municipal de Música de Foz. Ese mesmo día teremos a cea baile organizada pola Asociación de Amas de Casa. Vai ser este ano no restaurante Tangarte Mariñeiro e colaboran o Concello e os comercios de Foz”.