A IV Media Maratón Ribadeo-As Catedrais terá lugar o 16 de setembro ás 17:30 horas. Serán os corredores os que decidan a través dunha enquisa en facebook o sentido da carreira, Ribadeo-As Catedrais ou As Catedrais-Ribadeo, segundo deron a coñecer este mediodía no Concello o edil de Deportes, David Rivas, o alcalde, Fernando Suárez, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.
O concelleiro de Deportes explicou que “o 16 de setembro ás cinco e media da tarde sairá a cuarta edición da media maratón Ribadeo-As Catedrais, unha proba que vai medrando ano tras ano en participación e que está converténdose nunha cita fixa para moitas persoas afeccionadas ao deporte do atletismo”.
David Rivas subliñou que “este ano, para seguir medrando organizativamente e despois de escoitar moitas opinións de sectores da poboación solicitándonos que cambiásemos o sentido da proba para que empece na praia das Catedrais e remate en Ribadeo, decidimos telo en consideración pero non facelo nós directamente, senón que pensamos que un cambio así deben de ser as propias persoas participantes e do público as que o decidan. Entón a partir de hoxe e ata o día 15 está aberta unha enquisa na páxina de facebook da media maratón As Catedrais na cal todas as persoas que o desexen poderán votar a favor de facer a carreira nun sentido ou noutro; e o resultado que gañe obviamente será o percorrido que se levará a cabo ese día 16 de setembro”.
O edil nacionalista engadiu que “tamén queremos anunciar que, ao igual que o ano pasado, El Progreso vai ser o xornal oficial da carreira e queremos, xa de antemán, agradecer a todas as persoas voluntarias que están ese día desde pola mañá en todos os puntos de avituallamento e en todos os cruces esa labor importantísima sen a cal a carreira non tería o éxito organizativo que normalmente ten”.