As edís Manuela Méndez e Pilar Armada, mantiveron esta tarde unha xuntanza cos hostaleiros do municipio na Casa da Cultura de San Cibrao, para concretar a axenda de actos da XXVI edición da Festa do Ourizo, que, segundo anunciaron, este ano celebrase o sábado 18 de marzo, na carpa instalada na Praza dos Campos, como vén sendo habitual.
A concelleira delegada de Turismo, Manuela Méndez, aproveitou a presentación para convidar a todo mundo a asistir a esta Festa declarada de Interese Turístico Galego, “que naceu do pobo e pervive no tempo grazas ao esforzo conxunto; unha Festa que forma parte xa do patrimonio cultural de Cervo e da súa historia, e que, polo tanto, dende o Concello consideramos primordial poñer en valor, e render homenaxe a un marisco tan ligado a nós que co tempo, grazas en boa parte a esta celebración con máis dun cuarto de século de vida, está a acadar o recoñecemento que merece” .
Méndez recordou que os asistentes “poderán degustar a excelencia dun produto único preparado en múltiples variedades, e dunha xornada festiva cun programa repleto de actividades”.
Neste senso quixo avanzar que, ademais da tradicional degustación de ourizo cocido na carpa, “un ano máis contaremos en San Cibrao cunha representación dos mellores chefs da gastronomía galega, que ofrecerán un Showcooking no que o protagonista indiscutible será, como non, o ourizo, estrela ese día dunha cociña de vangarda que poderán logo degustar os asistentes”.
Ademais, por segundo ano consecutivo, -engadiu- “contaremos cun grupo musical de renome, que pechará a xornada festiva na carpa da Praza dos Campos”.
O programa da Festa do Ourizo complétase co tradicional concuso gastronómico no que poderá participar tódodos bares e restaurantes do Concello coas súas tapas de ourizo; que os asistentes poderán tamén degustar nos establecementos.
Ademais, haberá, así mesmo, charangas que amenizarán a Festa ao longo de toda a xornada.
A Festa do ourizo, está organizada polo Concello de Cervo, e conta co patrocinio de Turismo de Galicia e da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao.