Nostrum Cai representará "Alba. A casa pechada" o 15 de outubro no Teatro Pastor Díaz, en Viveiro, e o día 16 no Cine Teatro, en Ribadeo.

Nostrum Cai representará "Alba. A casa pechada" o 15 de outubro no Teatro Pastor Díaz, en Viveiro, e o día 16 no Cine Teatro, en Ribadeo.
  
O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá a representación de “Alba. A casa pechada” o sábado, 15 de outubro, ás 20:30 horas. Esta peza chegará a Ribadeo ao día seguinte, o 16 de outubro, ás 20:30 horas no Cine Teatro. 
 
A representación correrá a cargo de Nostrum Cai e está incluída no circuíto Buxiganga que leva a cabo a delegación de Cultura da Deputación de Lugo.
 
Trátase dunha adaptación a cargo de Lola Fernández e Sonia Fernández para danza-teatro da obra de Lorca La Casa de Bernarda Alba. Dirixida por Lola Fernández, é para público adulto e ten unha duración de 65 minutos.
 
Conta a historia de tres irmás privadas de liberdade que desatan celos e paixóns e desafían a moral establecida e o despotismo dunha nai que se interpón entre elas e os homes. O intento de quebrar a tiranía da nai á que non poden vencer, levaraas a un destino tráxico.
 
Nostrum Cai Teatro xurde no 2002 na cidade de Lugo centrándose na formación teatral e no achegamento ás súas diferentes disciplinas como dramaturxia, mimo, comedia do arte ou danza contemporánea entre outras. Dende o seu nacemento recibiu varias distincións como unha mención honorífica na Mostra de Teatro Curto de Getxo por Soños ou premio Novos Creadores con Tatuaxes.