Do 16 ao 22 de setembro celebrarase en Burela a Semana Europea da Mobilidade, con infinidade de actividades para todos os públicos.

Do 16 ao 22 de setembro celebrarase en Burela a Semana Europea da Mobilidade, con infinidade de actividades para todos os públicos.
 
Burela acollerá do 16 ao 22 de setembro un amplo programa de actividades dentro da Semana Europea da Mobilidade, que este ano se celebra baixo o lema de Mobilidade intelixente. Economía forte. O evento foi presentado esta mañá no Concello con asistencia do alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben, e representantes das firmas colaboradoras. O vindeiro domingo, dái 18, estará pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán, entre Curros Enríquez e Eijo Garay. Nese espazo haberá infinidade de propostas para todos os públicos. 
 
A edil socialista dixo que “ninguén pon en dúbida que as cidades e vilas, no último século, foron deseñadas para facilitar o uso do vehículo privado, pero o uso excesivo do coche trouxo consigo unha serie de problemas: conxestión do tráfico, contaminación, altos niveis de ruído, asociado a unha baixa calidade de vida e elevados efectos nocivos sobre a saúde”.
 
Noelia Mª Ben subliñou que “a Semana Europea da Mobilidade fai fincapé nestes aspectos e quere facernos considerar o modo no que plantexamos os nosos desprazamentos. Este ano baixo o lema Mobilidade Intelixente. Economía Forte, quere destacar o impacto positivo que unha mobilidade intelixente pode ter sobre a economía. Os beneficios económicos da mobilidade intelixente e sostible afectan tanto ás persoas como ás empresas e á sociedade no seu conxunto. Ademais do importante aforro económico dunha mobilidade sostible e intelixente, o resto dos beneficios xerados tanto sobre o medio ambiente como sobre a saúde tradúcense tamén nun aforro moi elevado nos recursos dedicados a paliar os efectos causados polo abuso do vehículo privado”.
 
Este ano, ata o día de hoxe, na SEM 2016 hai 1.809 Concellos participantes, dos que 370 son españois e só dous deles de Galicia, que son os de Vigo e Burela.  A concelleira de Medio Ambiente e o alcalde lembraron que “o Concello de Burela leva apostando pola mobilidade sostible e participando na SEM cunha semana repreta de actividades dende o 2007, sendo este ano a súa décima edición. De feito este ano fixemos un esforzo para poder ir máis alá e temos dúas novidades moi importantes: un curso sobre condución eficiente, co que todos os participantes comprobarán os beneficios de conducir un vehículo híbrido. E ademais aprenderán a conducir dun xeito eficiente, reducindo o gasto de combustible e o desgaste do vehículo. E a outra novidade é que mercamos un circuíto móbil de educación vial, que estrearemos nesta SEM, e que nos permitirá facer máis fincapé na importancia da seguridade vial, e que se usará para fomentar a educación vial no noso concello non só na SEM senón ao longo de todo o ano”.
 
O programa de actividades desenvolverase do 16 ao 22 de setembro e inclúe circuíto de educación vial e de karts, talleres de cociña para os máis pequen@s, cursos de condución eficiente, talleres de pintacaras e globoflexia, exhibicións de ximnasia rítmica e de baile de salón, talleres como A túa bici a punto ou Xoguetes con materiais da natureza, xogos de auga, xogos populares, mesas informativas, hinchables, actuacións musicais e charlas. 
 
O domingo, 18 de setembro, de 9 da mañá a 22:00 horas permanecerá pechada ao tráfico a rúa Pardo Bazán entre as interseccións das rúas Curros Enríquez e Eijo Garay, e nese espazo levaranse adiante moitas actividades para todos os públicos. 
 
Llano e Ben agradecen “a todos os colaboradores e asistentes a súa participación na SEM 2016 e convidamos a todos os bureleses a gozar activamente dela”.