Intensa axenda de actividades esta semana dentro da programación cultural da que se pode gozar en Ribadeo. Teatro, exposicións e danza son algunhas das propostas para as vindeiras xornadas, segundo informa a Concellaría de Cultura. A fin de semana terá lugar a Festa do Percebe en Rinlo e a Xira de Santa Cruz en Ribadeo.
Do 1 ao 10 de agosto na sala Omic estará aberta ao público unha exposición de pintura de Miguel Ángel Docobo. E do 1 ao 5 de agosto a Casa da Xuventude acollerá unha xornadas de iniciación ao cine para a mocidade.
Mañá, martes, será tempo para o teatro. Segundo explican desde a Concellaría de Cultura “despois da exitosa estrea do pasado mes de abril, en que o Teatro se quedou pequeno, o Grupo de Teatro de Ribadeo ofrécenos este martes un segundo pase da súa última obra, O inspector, unha adaptación da comedia do novelista e dramaturgo ucraíno, Nikolái Gógol. Con esta nova representación, o grupo dirixido por Toni Deaño pretende que todo o mundo que así o desexe poda contemplar o seu último traballo, especialmente aquelas persoas que non tiveron sitio na estrea ou que durante o inverno non están en Ribadeo. O seu argumento baséase na típica confusión cómica: nunha perdida vila de Galicia, o alcalde e os funcionarios do concello están agardando a un «inspector xeral» enviado desde a capital para investigar os abusos e corruptelas cometidos nesa administración local. A chegada dun home misterioso, confundido co inspector, desencadeará unha vertixinosa espiral de enganos e subornos, reflexo dunha total irresponsabilidade e ausencia de mesura. O inspector é unha divertida sátira acerca da cobiza e da estupidez dos burócratas”. A cita será este martes, 2 de agosto, ás nove da noite. A taquilla estará aberta desde as 20:30 horas.
Volven os espectáculos de Cultura no Camiño en Ribadeo. “Esta semana imos con Up 2 Down, un espectáculo de danza-circo-teatro, xesto e poesía visual. Unha historia de dúas bailarinas, dous cables de funambulismo e dirixidas por un pallaso. Trátase dun show no que o humor e a danza interactúan cunha disciplina circense novidosa en Galicia: o cable. As bailarinas, Marta Alonso e Paula Quintas interpretan a dúas personaxes definidas polo seu estatus antagónico: o alto e o baixo. A funambulista, etérea e ideal; a pallasa, terrenal e mundana. Xunto a elas o espectador percorrerá unha viaxe emocional a través dos seus desexos e aspiracións ata que alcanzan un punto de encontro, o equilibro. Agárdannos no Parque de San Francisco ás 20:30 horas este vindeiro mércores, 3 de agosto”.
Desde a Concellaría de Cultura ribadense engaden que “non hai día que non falte actividade. O xoves, 4 de agosto, teremos a xa tradicional gala benéfica de Anidan a partir das 20:00 horas a favor dos nenos e nenas de África. Será no Auditorio Municipal Hernán Naval. E esta fin de semana é unha das máis festeira do verán ribadense cun dos seus principais momentos de interese: o día da gaita e a Xira de Santa Cruz. Haberá pasarrúas o sábado desde as 19:30 horas e durante a fin de semana teremos unha chea de posibilidades para celebrarmos e bailarmos ao son dun dos símbolos identitarios de Galicia: a gaita. Se gustades da festa, esta non se pode perder! E nunha fin de semana de festa, non podía faltar un dos principais motivos de celebracións, a gastronomía, coa exaltación dun dos produtos máis venerados en Ribadeo, concretamente na parroquia de Rinlo: o percebe. O vindeiro sábado, 6 de agosto, tedes unha cita ineludble na nosa parroquia mariñeira. Non podedes faltar”.