En Ribadeo comezou a funcionar o tren turístico, que foi presentado está mañá na Praza de España. O tren percorrerá durante todo o verán o casco vello, a vila e o porto de Porcillán e chegará ata a Illa Pancha, en horarios de mañá e tarde.
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, explicou que “outro ano máis Ribadeo contará novamente cun tren turístico que o ano pasado a modo experimental estivo funcionando moi ben durante todo o verán. Foi unha atracción turística máis das que a xente goza, a xente de fora que ven a Ribadeo, a xente que nos visita, e tamén moitos veciños e veciñas do noso concello tamén o usaron”.
Suárez Barcia dixo que “este ano volve estar funcionando desde hoxe durante todo o verán aínda que este ano ten melloras para os usuarios e para o Concello. O circuíto aproximadamente é o mesmo, anda por todo o casco vello, a vila e todo o ámbito urbano, polo porto de Porcillán, chegando ata o faro da Illa Pancha cuns circuítos aproximadamente de tres cuartos de hora de duración en horarios de mañá e de tarde”. As saídas polas mañás serán ás 11, 12 e 13 horas e polas tarde ás 16, 17, 18, 19, 20 e 21 horas. O prezo dos billetes para os adultos será de 6 euros, 5 euros para os maiores de 65 anos e 4 euros para os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. @s nen@s de 0 a 3 anos viaxan gratis.
O rexedor salientou que “agora os usuarios van ter unhas audioguías en varios idiomas, en galego, español e inglés que van explicando todo o que van vendo, todas as marabillas deste concello, que temos moito que ensinar e enorgullecernos aquí en Ribadeo”.
O alcalde ribadense indicou que “para o Concello este ano tamén é unha boa iniciativa porque o modo de adxudicación foi a través dun procedemento público e aberto, e as ofertas presentadas tiñan que puxar por un número económico mínimo tendo en conta que o Concello adxudicou este servizo por seis anos, fundamentalmente no verán, pero tamén queda aberto a outras datas como Semana Santa ou Nadal, pero obrigatorio soamente vai ser a tempada estival”.
Suárez Barcia engadiu que “para iso a empresa concesionaria comprometeuse a aportarlle anualmente ao Concello a cantidade de 7.340 euros a modo de canon. Iso é algo que cubre e incrementa notablemente o ingreso que supuxo o ano pasado para o Concello”.
O alcalde de Ribadeo cre que “a iniciativa e a xestión é boa e eu espero que lles vaia ben. Desde logo en Ribadeo preséntase como un ano tamén moi bo, seguramente imos ter moitos visitantes, xa os estamos tendo de feito desde hai tempo, pero agora a partir destes días que chega a tempada alta de verdade, confío que Ribadeo sexa un fervedoiro de xente e que tamén usen este tren turístico”.