Mañá, 7 de xullo, a partires das 19:30 horas, o Parque de San Francisco acollerá actividades de maxia, pallasos e música dentro do programa Vive o Camiño da Consellería de Cultura da Xunta.
O concelleiro de Cultura de Ribadeo, Farruco Graña, anunciou que “este xoves ás sete e media da tarde, vai botar andar no Parque de San Francisco, un serán cheo de entretemento e diversión para o público familiar con actuacións ben diversas e todas elas cun claro obxectivo, facernos pasar uns bos momentos. Unha tarde de verán de comezos do mes de xullo chea de maxia, pallasos e música”.
O edil nacionalista contou que “estas actividades están encadradas dentro do programa Vive o Camiño desenvolto pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Comezarán ás sete e media co espectáculo de maxia de Don Gelati a cargo de Dani García. Unha hora de maxia con misterio, emoción e paixón”.
O responsable de Cultura explicou que “cara ás oito e media comezará Isla Letriska co seu último show de clowns e malabares chamado Inmobile. Pallasos facendo malabares que serán a ledicia de pequenos e maiores”.
Farruco Graña engadiu que a xornada rematará “ás dez da noite con música, coa actuación folk O Tambor de Prata de Vaamonde, Lamas e Romero”.
Para o responsable de Cultura no Concello de Ribadeo “será un día para non perder en que pequenos e maiores quedaremos cautivados pola maxia, os malabares e o folk”.