O Concello ultima os preparativos da Feira do Libro, que terá lugar do 1 ao 3 de xullo no parque de San Francisco. A programación inclúe presentacións de libros de Ribadeo e da comarca, a presenza de figuras de primeira magnitude na literatura galega actual, música, teatro e actividades para @s máis pequen@s, segundo avanzou na xornada de hoxe o concelleiro de Cultura, Farruco Graña.
Para o edil nacionalista “a Feira do Libro preséntase ben interesante para todas as persoas que amen a lectura e o mundo do libro. Será unha Feira do Libro na que potenciaremos o noso, o de aquí, o máis achegado a nós, o libro referido a Ribadeo e a comarca, pero que tamén contará coa presenza de figuras de primeira magnitude na literatura galega actual.”
No transcurso da III Feira do Libro de Ribadeo presentaranse varios libros referidos a Ribadeo e á comarca da Mariña, como é o caso de Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Plata), de Pablo Vivín e Sylvia Pulpeiro; o poemario As Catedrais, portas do misterio, de Xosé Otero Canto; Ribadeo FC, una mirada al siglo XX, da Asociación Deportiva Veteranos do Ribadeo FC ou Lendo lendas digo versos, de Antonio Reigosa.
Por Ribadeo pasarán tamén autores como Ledicia Costas (Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, Premio Nacional de Literatura 2015 e Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015); Francisco Castro, (Premio Lueiro Rey 1997, Premio Blanco Amor 2006, Premio García Barros 2007, Premio Frei Martín Sarmiento 2011, etc… “con él teremos unha sesión vermú e poderemos parolar das súas novelas e da súa vida literaria”, explicou o concelleiro de Cultura. A Ribadeo achegaranse tamén Pedro Feijó, que presentará a súa última novela Morena, perigosa e románica; María Lado (gañadora do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas no 2010 e Premio de Poesía na I Gala do Libro Galego en 2016); Benigno Campos, un dos integrantes do exitoso programa de cociña da Televisión de Galicia Larpeiros; Vicente Araguas ou María Canosa, entre outros. Farruco Graña dixo que “con María Canosa manteremos unha charla interxeracional entre pais/nais e fill@s. Ela colabora co programa Cifras e Letras desde o ano 2011, tendo en conta o apartado das letras”.
Tamén haberá actividades paralelas, enfocadas especialmente para os máis pequenos, pero tamén para os adultos. Galicia imaxinada nas revistas da emigración, do Consello da Cultura Galega, é o título da exposición que se inaugurará eses días e que estenderá ao longo da semana, formando parte do Ribadeo Indiano. O concelleiro ribadense contou que “MauMarela desenvolverá unha actividade creativa para os pícaros e pícaras durante dúas sesións e Anxo Moure percorrerá as rúas de Ribadeo coa súa Ciclo-biblioteca. Ademais o grupo de teatro Ollomao realizará dúas micropresentacións en senllos locais de hostalaría. As de Aldao Lado darannos a coñecer a súa orixinal música e singular creación poética e a Escola Municipal de Música e Danza colaborará, un ano máis, coa celebración desta III Feira do Libro con diferentes actuacións musicais”.
Farruco Graña concluíu: “teremos un feixe de actos para unha Feira do Libro que vai xa pola súa terceira edición que vai marcar un fito con respecto a edicións anteriores. Queremos seguir profundando na consolidación deste evento facendo de Ribadeo un lugar atractivo para que os autores e as autoras veñan a dar coñecer a súa creación literaria, e á súa vez desde Ribadeo deamos a coñecer ao mundo a través dunha programación ambiciosa toda a achega creativa que poida emanar das xentes de Ribadeo e da comarca da Mariña”.
A programación definitiva da III Feira do Libro así como o seu cartel daranse a coñecer proximamente.