A Concellaría de Igualdade de Ribadeo pon en marcha o vindeiro 12 de xuño un novo Domingo a pé. “Trátase dunha actividade anual dirixida ás mulleres adultas, co fin de promover un tempo para elas mesmas, un tempo de ocio, un tempo illadas das obrigas familiares, laborais… un tempo para rachar con esa dobre ou triple xornada laboral. Ademais, de poder gozar dese tempo para elas, poderán coñecer lugares do seu entorno inmediato, e facer un pouco de exercicio físico”, segundo explica a edil Mariluz Álvarez Lastra.
A responsable de Igualdade conta que “desta volta desprazarémonos desde San Cibrao ata Burela cun percorrido de 12 km. Esta ruta será o día 12 de xuño. Sairase ás 11:30 horas da estación de tren de FEVE e regresaremos arredor das seis e media da tarde”.
Álvarez Lastra engade que “como ven sendo habitual, contaremos coa colaboración de Teresa Díaz, para guiarnos nas rutas. Teresa é membra da directiva da Asociación Pena Tallada, e ten investigado todas as rutas da nosa contorna, que podedes atopar no seu blogue: http://teresaderibadeo.blogaliza.org”.
As mulleres interesadas en participar na ruta deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres, sito no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo ou chamando ao teléfono 982 120 739.
Para participar nesta nova edición dos Domingos a pé deberán levar calzado cómodo, auga e comida e opcional o bañador.