Vilanova acolle a tradicional Festa do Maio este domingo, día 1, con desfile polas rúas e diversas actividades na praza do Conde Santo.

Vilanova acolle a tradicional Festa do Maio este domingo, día 1, con desfile polas rúas e diversas actividades na praza do Conde Santo.
 
Vilanova de Lourenzá acolle a tradicional Festa do Maio este domingo, día 1, que inclúe desfile polas rúas da localidade e diversas actividades na praza do Conde Santo.
 
A alcaldesa, Rocío López, anunciou hoxe que “este ano a programación presenta unhas cantas novidades con respecto a edicións anteriores. Mañá, sábado, día 30, terá lugar no mercado comarcal gandeiro a partir das cinco da tarde un obradoiro titulado Facendo un Maio. Está dirixido a tódolos nenos e nenas que queiran participar. Para poñer en marcha esta iniciativa o Concello púxose en contacto coa ANPA e o CEIP Juan Rey, que colaboran na programación deste taller. Co fin de coñecer a fondo unha das festas tradicionais que forman parte do noso contorno propoñemos que os alumnos asistentes coñezan a tradición que teñen os Maios en Galicia e todo o proceso de elaboración destes mentres realizan un propio. Con esta iniciativa o Concello pretende achegar esta tradición aos máis novos e facelos partícipes desta adoración á natureza que facían os seus devanceiros, xa que forman parte da identidade do noso pobo. Esperamos así que esta tradición se manteña no tempo e que os rapaces se involucren e estas costumes se sigan conservando”.
 
A rexedora municipal engadiu que “o domingo, día 1, a figura tradicional do Maio percorrerá xunto coa Madalena as rúas de Vilanova, vestindo de cores e flores todo o seu percorrido. Outra das novidades será a vestimenta da Madalena, que este ano lucirá traxe novo e zocas do artesán Alberto Geada. O desfile rematará na praza do Conde Santo, onde estarán expostos os Maios feitos polos nenos e nenas no obradoiro e onde terá lugar un recitado de poesías relacionadas coa temática dos Maios. A asociación Osorio Gutiérrez poñerá o toque musical ó longo de toda a xornada, animando a festa con bailes e cantos relacionados coa festividade do Maio. Ese mesmo día terá lugar a entrega dos premios do concurso Unha postal para mamá, actividade organizada pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá. Xa para finalizar e cerrando as actividades programadas para esta xornada terá lugar un xogo popular de petanca no entorno da praza”.
 
Rocío López rematou agradecendo “o traballo e a colaboración de todos os que están a axudar na preparación desta festa tradicional dos Maios, que ano a ano se ven celebrando en Lourenzá.  En especial o Concello dá as grazas a: Asociación Cultural Osorio Gutiérrez, ACIAL, ANPA e CEIP Juan Rey, Protección Civil e a os veciños e veciñas de Lourenzá e que participan nos preparativos do evento”.