As oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais abrirán pola mañá e pola tarde esta Semana Santa. O Concello reforzou este servizo.

As oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais abrirán pola mañá e pola tarde esta Semana Santa. O Concello reforzou este servizo.
 
O Concello reforza os servizos de Iimpeza, parques e xardíns, información turística e Policía Municipal durante estes días de Semana Santa nos que Ribadeo recibirá a milleiros de persoas. 
 
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, manifestou que “estamos a moi pouquiño tempo xa de que principie esta operación saída, que vai traer seguramente tantísima xente a Ribadeo como está traendo nestes últimos anos e que tamén o sector servizos e comercial está á expectativa, dado que por fin despois deste longo e duro inverno como son sempre os invernos, pode ter algunha posibilidade para resarcirse”.
 
O rexedor asegurou que “desde o Concello de Ribadeo, na medida das nosas posibilidades, estamos traballando para ter todo o mellor posible sabendo que seguramente nunca todo estará ao cen por cen, pero desde logo o esforzo e o traballo meu, dos meus compañeiros e compañeiras de goberno e de todos os traballadores do Concello está enfocado nese senso”.
 
O alcalde ribadense subliñou que “o servizo de medio ambiente e de parques e xardíns está traballando nestes últimos días para que todo estea en perfecto estado de revista e ao mesmo tempo os servizos de limpeza van ser reforzados durante estes días de Semana Santa. Tamén os servizos de información turística, xa que a diferenza doutros anos xa empezamos hai uns días na Oficina de Información Turística das Catedrais, reforzamos o persoal que para alí noutros anos ían a media xornada e agora vendo a cantidade enorme de xente que ven están a xornada completa. Xunto coa Oficina de Información Turística da vila de Ribadeo atenderemos como sempre a milleiros de persoas que piden información de qué ver, onde comer, onde durmir ou qué facer aquí en Ribadeo”.
 
O punto de información turística das Catedrais estará aberto durante esta Semana Santa de 10 a 14 horas polas mañás e de 16 a 19 horas polas tardes. E a oficina de turismo da vila abre de 10 a 14:30 e de 16 a 19 horas. 
 
Suárez Barcia tamén indicou que “na Policía Municipal durante esta Semana Santa o servizo será de vinte e catro horas para atender as posibles incidencias que poida haber”.
 
O rexedor salientou que “hai unha chea de actividades nestes días. Eu vexo moitos rapaces e rapazas que están participando nestes obradoiros que desde as Áreas de Cultura e de Xuventude se puxeron a andar, obradoiros deportivos e de fotografía, por exemplo, que están con todas as prazas cubertas”.
 
Finalmente Fernando Suárez Barcia agarda “unha moi boa Semana Santa para todos, para os crentes e para os que non o son, pero que gocen aquí en Ribadeo. Sabemos que no tempo non podemos facer nada, pero a xente que acude a Ribadeo sabe que o tempo non está garantido. Creo que a pesar de todo será moi agradable estar aquí todos estes días”.