A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) vai editar unha publicación turística dedicada aos principais atractivos do norte da provincia de Lugo. Será escrita totalmente en inglés porque o seu principal obxectivo é promover esta zona en varios países, onde a guía será distribuída polos membros deste colectivo con motivo das numerosas viaxes formativas que realizan. Concretamente para os vindeiros meses teñen programadas visitas a varias zonas de 14 países: Alemaña, Portugal, Francia, Italia, República Checa, Dinamarca, Holanda, Estonia, Croacia, Romanía, Polonia, Finlandia, Suecia e Austria.
Durante a súa estancia neses lugares os membros de APAGA visitarán centros educativos, Concellos, cámaras de comercio e outras institucións, onde distribuirán exemplares desta publicación. “É polo tanto unha moi boa forma de dar a coñecer os atractivos turísticos desta zona neses países, nos que resulta complicado facer esa labor de promoción doutra maneira”, segundo explica o presidente da asociación, Álvaro Doural.
A guía será elaborada por Faro Norte Comunicación, que contará coa colaboración de profesionais de recoñecida competencia para o deseño da publicación e para a redacción dos textos en inglés.
Ademais das páxinas con textos e fotografías sobre os principais atractivos turísticos da zona, a publicación tamén incluirá un listado de establecementos hostaleiros con dous apartados: onde aloxarse e para comer. Neles sairá o nome do negocio, a dirección, o número de teléfono, a dirección de correo electrónico e a páxina web ou de facebook.
Esta iniciativa de APAGA conta colaboración da maior parte dos Concellos do norte lucense, doutras entidades e de numerosos establecementos hostaleiros.