O Grupo Galipizza anunciou poucos segundos despois das baladadas de aninovo nas redes sociais o nacemento do primeiro bebé do ano 2016: é unha nena, chámase «Mariña» e naceu moi “sa”.
Este anuncio corresponde á campaña publicitaria de lanzamento da súa nova hamburguesa de merluza do pincho, que recibirá o nome de «Mariña» en homenaxe á comarca onde naceu a empresa hai 22 anos e que, coa actividade dos portos de Celeiro e Burela, tamén é a maior potencia europea na pesca da merluza do pincho.
Coa nova «Mariña» Galipizza consegue introducir o peixe dentro da súa oferta de hamburguesas gourmet, axudando a fomenta-lo seu consumo. E ademais faino co produto estrela do Mar de Lugo: a merluza do pincho, coa que promocionará o nome de A Mariña Lucense nos seus locais de Viveiro, Ribadeo, Culleredo, Santiago de Compostela, Xixón, A Coruña e Oviedo.
O “bautismo” da nova “nena” de Galipizza celebraráse o vindeiro xoves 7 de xaneiro cunha degustación gratuíta entre os clientes do local orixinario de Galipizza en Covas-Viveiro, ubicado precisamente enfrente, coa ría de Viveiro en medio, ao porto de Celeiro, que coa súa merluza do pincho “Gran Sol” convertiuse en 2002 no primeiro produto fresco procedente do mar comercializado co selo de garantía “Galicia Calidade”.
A merluza do pincho é un produto de máxima calidade, san e recomendable, pescado individualmente con anzol de forma totalmente sostible. Sete de cada dez merluzas frescas que saen de Galicia véndense nas lonxas de Puerto de Celeiro e Armadores de Burela, que acreditan a súa merluza do pincho con diferentes distintivos de calidade. Anque a merluza do pincho xa é de sobra coñecida e valorada nos mercados e na gastronomía, esta nova aposta de Galipizza será un gran escaparate para a merluza do pincho e todo o sector da pesca artesanal da Mariña de Lugo.
A merluza é o peixe preferido polos consumidores españois e, anque tradicionalmente aos nenos non lles gusta o peixe... si lles encantan as hamburguesas. Con «Mariña» Galipizza quere colaborar á mellora dos hábitos alimentarios dos máis pequenos, axudando a introducir o peixe na dieta da familia.