O 27 de decembro terá lugar o concerto "Aquí como en Viena" da Banda de Música Municipal de Ribadeo. E o día 5 empezarán os ensaios para o concerto solidario de xaneiro.

O 27 de decembro terá lugar o concerto "Aquí como en Viena" da Banda de Música Municipal de Ribadeo. E o día 5 empezarán os ensaios para o concerto solidario de xaneiro.
 
A Banda de Música Municipal de Ribadeo conmemorou a festividade de Santa Cilla cunha actuación que tivo lugar no Teatro ribadense o pasado sábado. E o 5 de decembro empezarán os ensaios para o concerto solidario que se celebrará o 3 de xaneiro de 2016 e no que actuarán os músicos que conforman actualmente a banda e outros que formaron parte dela en épocas pasadas.
No concerto do pasado sábado, dirixido por David Ballester, tocaron como solistas dous músicos da banda: o saxofón alto Martín García e o trompeta Rubén Solloso. E debutaron os irmáns Isaac e Nicolau Pazos Pérez, oboísta e saxo alto respectivamente. Ademais destes dous recibiron os diplomas que acreditan a súa incorporación oficial á banda de Ribadeo outros 11 músicos que entraron ou regresaron á formación nos últimos meses: as frautistas Antía Gómez Alonso, Paula Pérez Conde e Eva Iglesias López; a oboísta Alicia Folgueira González; os clarinetistas Saleta Martínez Tella, Julia García Ríos, Santiago de Rivera  Parga e Alberto Clemente Avilés; Visitación Docobo López, que toca a trompa; e os intérpretes de trombón Daniel Fernández Belmar e Aurora Fernández Peña. 
Nese concerto para celebrar a festividade de Santa Cilla tamén se entregaron os premios do 2º concurso de debuxo para escolares, correspondente ao curso 2014-2015, convocado pola asociación Amadores da Música.
En canto ao segundo concerto solidario que ofrecerá a banda municipal de Ribadeo coa incorporación para esa actuación de ex músicos da formación, celebrarase no auditorio municipal Hernán Naval o día 3 de xaneiro de 2016 e os ensaios empezarán o 5 de decembro. Anunciouno o presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro, quen tamén explicou que “a recadación dese concerto vai ir nesta ocasión destinada á Asociación de persoas con Discapacidade da Mariña-Cogami”. 
Pero o próximo concerto que ofrecerá a Banda de Música Municipal de Ribadeo será o tradicional Aquí como en Viena, que terá lugar no Teatro ribadense o día 27 de decembro, domingo, ás 20:30 horas.