Todo está listo en Lourenzá para a celebración da 25ª Festa da Faba. Do 2 ao 4 de outubro haberá degustacións, mercados, pregón, exposicións, rutas de tapas e moitas cousas máis.

Todo está listo en Lourenzá para a celebración da 25ª Festa da Faba. Do 2 ao 4 de outubro haberá degustacións, mercados, pregón, exposicións, rutas de tapas e moitas cousas máis.
 
O Concello de Lourenzá está ultimando os preparativos para a celebración da 25ª edición da Festa da Faba esta fin de semana, do venres 2 ao domingo 4. Durante estes tres días haberá numerosas actividades, como degustacións, mercados, pregón, exposición, competicións deportivas, actuacións musicais e ruta de tapas nos establecementos hostaleiros da vila.
A alcaldesa, Rocío López García, explicou que “un ano máis por estas datas o Concello de Lourenzá estase a preparar para levar a cabo unha cita gastronómica e cultural de gran relevancia, a Festa da Faba, que celebra a súa XXV edición. Este evento, declarado pola Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico Galego, ofrece para este ano un amplo abano de actividades.  Esta é a miña primeira Festa da Faba como alcaldesa de Lourenzá e estou desfrutando moito da experiencia. Aos poucos día de entrar no goberno púxenme mans á obra na programación deste evento, foron moitas horas de reunións e de darlle voltas as cousas, pero todo o traballo ten a súa recompensa e hoxe síntome orgullosa e contenta de poder ofrecer unha programación moi completa e distinguida da Festa da Faba, tal e como se merece Lourenzá. Claro está que este traballo non sería posible sen a colaboración de todas aquelas persoas que participaron na organización do evento. Por iso me gustaría  manifestarlles a todos eles o meu agradecemento por toda a axuda recibida”.
A rexedora destacou que “este ano a organización e o emprazamento da Festa da Faba chega con algún que outro cambio. O noso obxectivo é crear un núcleo vertebrador en torno á igrexa e ao Mosteiro de San Salvador e crear un ambiente que sexa á súa vez envolvente para que os distintos espazos se interrelacionen entre si. Deste xeito a carpa da degustación trasladarase á praza Linares Rivas e as casetas dos fabeiros, que este ano serán 13, estarán dispostas polo Cantón. A principal novidade é a entrada o recinto feiral, que se fará  pola Praza  Cesar Chavarría, enmarcada a ámbolos dous lados por expositores do sector da alimentación”.
Rocío López engadiu que “como alcaldesa de Lourenzá animo e invito a todos a asistir este fin de semana a esta cita gastronómica que temos aquí, no noso concello, e a participar nas distintas actividades que están programadas. Estou segura de que será unha edición espectacular e frutífera, que marcará historia e contribuirá a que cada ano a Festa da Faba de Lourenzá se vaia constituíndo como un referente e sexa unha cita gastronómica e cultural das máis importantes non só de Galicia senón tamén para outros lugares de España”.
A rexedora tamén fixo referencia á programación de actividades e anunciou que “durante os tres días os establecementos hostaleiros da vila ofrecerán tapas elaboradas con fabas de Lourenzá. O venres, día 2, ás 19:00 horas da tarde arranca a vixésimo quinta edición da Festa da Faba de Lourenzá coa inauguración da exposición Marexada de Cores, obra do pintor Hipólito Xeada, autor do cartel anunciador da Festa da Faba deste ano. Será na sala de exposicións da Casa da Cultura. A continuación presentarase o libro Xoguetes naturais. Argalladas dos pícaros (outono-inverno), dos autores laurentinos Xosé López González e José María García Fernández, no salón de actos do Concello. Ademais, como novidade, os asistentes poderán participar este venres nunha cata de viño comentada a cargo da adega Alán de Val, da denominación de orixe Valdeorras, no Centro de Interpretación da Faba. E xa a noitiña o que o desexe poderá gozar da tradicional pulpada do San Marcial a cargo da Pulpería Rochela e desfrutar da verbena cunha actuación musical patrocinada polos hostaleiros de Lourenzá”.
En canto as actividades para o sábado, a alcaldesa comentou que “farase a apertura de todo o recinto feiral e das casetas dos fabeiros; ás 12 terá lugar o tradicional pregón, este ano da man de dous laurentinos Xosé López González e José María García Fernández, dúas persoas moi vinculadas coa vida cultural do seu pobo. De seguido terei o pracer de inaugurar a XXV Festa da Faba como alcaldesa de Lourenzá. Como de costume, os asistentes poderán gozar da degustación das fabas de Lourenzá, preparadas polos cociñeiros laurentinos Jorge López Barreira e Xe Redondas Braña. Este ano preséntanse dúas especialidades: fabas de Lourenzá ó estilo tradicional e fabas de Lourenzá con bacallau e grelos.  Como complemento ás nosas fabas contaremos coa presenza da adega Alan de Val, que ofertará varios viños da denominación de orixe Valdeorras. E, como novidade este ano, o sábado contaremos cunha concentración de Vespas, outras motos e vehículos clásicos. Terá lugar tamén, un ano máis, a tradicional carreira popular Val das Fabas. A maiores haberá actuacións da Banda de Musica Municipal de Foz e da agrupación musical Son do Sil, do Barco de Valdeorras. Xa a noitiña os asistentes poderán gozar da festa do San Marcial organizada pola Asociación Conde Santo, un grupo de rapaces e rapazas que realizaron unha tarefa brillante e de colaboración con nós na organización da Festa da Faba”.
E o domingo rematará a XXV Festa da Faba de Lourenzá con estas actividades que destacou Rocío López: “apertura de todo o recinto ferial e das casetas dos fabeiros. Para este día está organizado un pasarrúas a cargo dunha das mellores charangas de Galicia, a NBA; ao igual que na xornada do sábado, tamén haberá a degustación da faba nas distintas especialidades. Como novidade, os nenos do colexio público Juan Rey, de Lourenzá, presentarán a canción Fabola, dedicada á mascota do colexio, que estou segura de que será todo un éxito e gustará moito ós asistentes. Ao longo da tardiña tamén terá lugar no claustro do mosteiro San Salvador unha xuntanza folclórica a cargo das asociacións culturais Osorio Gutiérrez, de Lourenzá, e Saiñas, de Xove. A maiores os amantes do deporte teñen unha cita nos torneos de baloncesto e fútbol, que se celebrarán na tarde do domingo. E entregarase tamén nesta xornada o premio do concurso fotográfico Festa da Faba”.