O espectáculo "Os Bolechas na máquina do tempo" chega a Burela este sábado, 19 de setembro. A proposta combina monicreques con actores reais.

O espectáculo "Os Bolechas na máquina do tempo" chega a Burela este sábado, 19 de setembro. A proposta combina monicreques con actores reais.
 
O espectáculo Os Bolechas na máquina do tempo estará en Burela no Auditorio Municipal este sábado, 19 de setembro, ás 18:30 horas, dentro da campaña FalaRedes. A actividade está organizada pola Delegación de Cultura, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, que busca promover o uso do galego entre os cativos.  
O espectáculo, gratuíto, traballa conxuntamente o formato de monicreques manipulados por actores á vista con actores reais, que dan vida aos Bolechas adultos e ao Dr. Apolodoro. Aínda que se trata dunha proposta de lecer para toda a familia, os contidos están especialmente adaptados a escolares de educación infantil e primaria. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do espazo onde se desenvolva a actividade en cada localidade. A duración media da función está arredor dos 60 minutos.
A representación comeza co descubrimento dun estraño aparello que resulta se unha máquina do tempo. Alguén terá que estreala, pero todos teñen medo así que rífano e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous métense nela e os outros irmáns comezan a premer botóns para mandalos ao futuro. Mais Carlos e Pili non queren ser maiores. Queren usar a máquina de novo para volver a ser nenos. Pero entón aparece o dono do aparato, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Pili e Carlos volvan ser nenos.  Os Bolechas van a precisar de todo o público para regresar ao presente.
Os Bolechas na máquina do tempo permitirá achegar unhas primeiras nocións de Historia ás nenas e nenos galegos e farao, como é habitual, na lingua propia.