Baobab Teatro porá en escena en Viveiro a obra Martes, que é un espectáculo recomendado para nenos/as de 2-7 anos. Será o vindeiro sábado, 18 de abril, ás seis da tarde no Teatro Pastor Díaz.
Érase unha vez unha galaxia, a galaxia Leo T formada por planetas, estrelas e Martes.
Martes é un ser espacial que vive entre a lúa e as estrelas. Gústalle xogar con elas e nunca, nunca se separa.
Martes tenlle medo ao lobo, aos monstros, aos tronos, aos peidos, etc. Martes tenlle medo a todo por iso nunca saíu da lúa, durme no seu regazo e sácalle brillo para non quedar a escuras.
Martes naceu un martes de lúa chea. Algúns din que é fillo da lúa pero iso non o sabemos.
Martes ten un amigo "Pin", co que xoga sen parar.
Un día un monstro come as súas estrelas e a Pin, o seu amigo. Martes terá que enfrontarse ao seu propio medo para poder salvar ao seu amigo e as súas estrelas e para iso inicia unha viaxe, máis aló do sol, de camiño coñecerá divertidos e estraños personaxes: Fugaz, un insecto voador que fai po de estrelas, Casiopea, unha tartaruga que viaxa cos meteoritos e Vermi, un verme espacial que fala nunha linguaxe peculiar.