O ano pasado a Asociación Cultural A Pomba do Arco levaba a Foz o grupo de teatro Ollomao despois de ter paseado por toda Galiza a obra "Os vellos non deben namorarse". Este ano a mesma asociación quere que Foz volva a disfrutar do teatro de Ollomao.
Este sábado, 18 de abril, ás 18 horas na sala Bahía de Foz, o grupo de teatro da asociación cultural Ollomao representará a súa derradeira obra "Oé, Oé, Oé".
"Oé, Oé, Oé" é unha de teatro escrita por Maxi Rodríguez que se está a representar en toda Europa con gran número de asistentes. Foi estreada en Asturias en 1994, sendo traducida ao galego por Roberto Vidal Bolaño e representada polo grupo “Teatro de aquí”, supoñendo un dos grandes éxitos do teatro galego. A obra de Maxi Rodríguez é readaptada e actualizada polo grupo de teatro Ollomao que nos amosa unha obra fresca e gratificante.
"Oé, Oé, Oé" é unha crítica á sociedade actual a través do fútbol. Este deporte e a paixón que se crea entorno a el será a escusa que se emprega para apartar a nosa atención dos problemas cotiáns que nos afectan.
Os personaxes que aparecen en escena son familiares, tenros ademais de grotescos. Os tres buscan, tal vez sen conseguilo, escapar dunha realidade frustante que os afunde soterrando a súa amargura no mundo do fútbol.
A Pomba do Arco comprácelle traer a Foz esta obra de teatro , que este sábado se estreará ás 18 horas na sala Bahía de Foz. Actuarán en primeiro lugar o grupo de teatro infantil de Ollomao cunha obra na que poderemos comprobar como as xeracións futuras veñen pegando forte. Posteriormente poderemos disfrutar da obra, que tantos aplausos xa leva recollidos tanto pola Mariña como polo resto do estado español.
Unha boa forma de pasar unha tarde disfrutando do e co teatro, todo por un módico prezo de 3 euros. Toda a recadación será destinada ao grupo de teatro Ollomao, para facer fronte aos gastos propios deste grupo de teatro.