Jesús Liste Otero, xefe de cociña da Escola de Hostalería do IES de Foz, será o encargado de pregoar a XII Festa do Berberecho focense. O evento celebrarase os días 23, 24 e 25 deste mes na zona portuaria da vila, como ven sendo habitual nos últimos anos. O anuncio fíxoo o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen adiantou que o evento será presentado na cidade de Lugo. Javier Jorge Castiñeira explicou que "dende o Concello, unha vez finalizados tódolos festexos de Nadal, queremos anunciar que o pregoeiro da XII Festa do Berberecho de Foz vai a ser o xefe do departamento de cociña do IES de Foz, Jesús Liste Otero: profesor, cociñeiro e colaborador tamén durante moitos anos da Festa do Berberecho da nosa vila, un evento no que durante varios anos colaborou a Escola de Hostalería de Foz preparando todos eses pratos e axudando a promover o consumo deste bivalvo, que durante varias edicións levamos defendendo dende o noso Concello coa Festa do Berberecho".
O responsable municipal focense engadiu que "Suso Liste, que é unha persoa e un cociñeiro ben querido en Foz tanto polos seus alumnos como polos seus compañeiros do IES, representa a todos aqueles cociñeiros e profesionais que teñen nas súas cartas sempre presente este bivalvo que é o berberecho e que tanta marxe dá nas cociñas e nos menús da hostalería galega e tamén na hostalería de Foz. Polo iso Jesús Liste Otero, xefe de cociña da Escola de Hostalería do IES de Foz, vai a ser o pregoeiro da XII Festa do Berberecho de Foz, que se iniciará o día 23 coa lectura do pregón, momento no que xa abriremos a carpa que estará instalada, coma sempre, na zona portuaria de Foz. Logo, a festa seguirá o sábado 24 e o domingo 25". Castiñeira convidou ós veciños "á celebración desta nova festa" e recordou que "durante os vindeiros días faranse as diferentes presentacións, na cidade de Lugo e incluso intentaremos facelo tamén noutras autonomías. O ano pasado fixémolo xa en Asturias e agora queremos chegar a outros sitios dende onde multitude de xente se pode achegar tamén a coñecer a nosa festa". O alcalde aproveitou para "agradecer dende o Concello a Jesús Liste Otero que aceptase ser o pregoeiro desta próxima Festa do Berberecho de Foz".