O pavillón Vista Alegre será escenario o vindeiro 5 de xaneiro do partido que disputarán a selección de fútbol sala masculino contra Ucrania. O alcalde, José Ma González Barcia, amósase satisfeito porque “se siga contando con Burela” para albergar eventos deste tipo. A presentación do encontro tivo lugar o pasado martes no Concello de Ferrol, porque nesa cidade tamén haberá outro partido o día de Reis. O rexedor explicou que “na mañá do martes presentamos no Concello de Ferrol, xunto co alcalde desta cidade, José Manuel Rey Varela, e o seleccionador nacional de fútbol sala, José Venancio, os partidos que disputará a selección nacional de fútbol sala masculino en Burela e en Ferrol. Serán dous encontros contra a selección de Ucrania, país que ocupa o quinto posto do ránking Uefa. En Burela o partido será o 5 de xaneiro ás 17 horas, e en Ferrol o día de Reis”.
González Barcia dixo que “para nós é unha satisfacción, unha vez máis, que tanto a Federación Galega coma a Federación Española de Fútbol se acorden de nós para que Burela volva acoller un partido da selección nacional de fútbol sala. É unha boa oportunidade para recoñecer o traballo que desde o Burela FS Pescados Rubén se está a facer e tamén no que se refire ao traballo co deporte base, que está a ser refrendado pola presenza dos dous equipos, tanto masculino coma feminino, na máxima categoría do fútbol sala nacional”. O alcalde subliñou que “Burela ten xa experiencia en ter eventos organizados tanto pola Federación Galega de Fútbol como pola española. E estou completamente seguro de que o vindeiro 5 de xaneiro o pavillón Vista Alegre estará completamente abarrotado para animar á selección nacional de fútbol sala masculino”. E engadiu: “nós desde o Concello estamos satisfeitos e agradecidos de que se siga contando con Burela, un concello con 10.000 habitantes que conta con dous equipos da máxima categoría do fútbol sala, e que Burela poida seguir sendo un referente no mapa deportivo a nivel nacional e galego”.