Ribadeo acolle o 2 de maio o evento “Soberanía Dixital IV: blogs, información descentralizada”

O venres 2 de maio, ás cinco e media da tarde, a Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo El Viejo Pancho acollerá o evento Soberanía Dixital IV: blogs, información descentralizada. É unha actividade pensada para achegar ó público en xeral a unha mellor comunicación e comprensión dunha ferramenta de difusión de coñecemento e creación como son os blogs.

Os organizadores desta actividade explican que “esta charla-taller e posterior coloquio é a cuarta actividade do ciclo que se desenvolverá ó longo de 2025, impulsado polo grupo amarinha.gal, nos locais da biblioteca ribadense cedidos polo Concello a tal fin, locais solicitados e concedidos polo Concello para sucesivas actividades. Neste caso co obxectivo de difundir o coñecemento, manexo e posibilidades dun sistema como son os blogs que incide nas nosas posibilidades de Soberanía Dixital. Incluirá unha presentación, seguida dunha rolda de preguntas e algún exemplo práctico no que se explorará algún modelo de blog dentro de amarinha.gal. Aínda que non necesario é convinte traer o propio portátil para así ter a posibilidade de iniciación alí mesmo dun blog propio. Como complemento, disporase dun fanzine en galego de 8 páxinas en formato A5, con artigos relacionados cos temas tratados na xornada”.

A actividade está aberta, coa única limitación do aforo, a todas as persoas interesadas en explorar ferramentas colaborativas de comunicación e coñecemento libre.