O IES Monte Castelo, de Burela, acolle ata o 13 de marzo a exposición "Galegoza. A canción en galego"

O IES Monte Castelo de Burela acolle ata o 13 de marzo a exposición Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo "para dar a coñecer ao público máis novo a ampla oferta musical no noso idioma".

O deputado de Mocidade, Daniel García, e o tenente de alcaldesa de Burela, Mario Pillado, participaron na inauguración da mostra na que o comisario e crítico musical Pepe Cunha repasou co alumnado  os contidos dos paneis, un percorrido pola música en galego desde os anos sesenta ata a fornada actual. Na presentación subliñouse a traxectoria de artistas da comarca da Mariña, como a focense Ugía Pedreira, que se achegou ata a presentación, ou de Nuno Pico, que foi alumno do centro.

Daniel García valorou a exposición como “unha mostra de que o galego non ten límites, de que en galego se fai música de moitísima calidade e de todos os estilos e de que a nosa tradición musical interesa e se escoita en todas as partes do mundo” e animou ao alumnado a “aproveitar as suxerencias da mostra para explorar músicas e artistas que non coñezades e a apoiar as iniciativas locais que dan cabida á música no noso idioma”.

A exposición está formada por unha trintena de paneis que repasan o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis
influentes en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap-. A mostra incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do proxecto para poder escoitar unha escolma de temas representativos da evolución descrita nos paneis.

A mostra, deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, estreouse o pasado 9 de outubro no IES Xograr Afonso de Sarria e nos últimos meses estivo no IES Pedregal de Irimia de Meira, no IES Lucus Augusti,  no IES Río Cabe de Monforte, no IES de Quiroga, no IES Lama das Quendas de Chantada e no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.