Cervo acollerá o 2 de marzo a XIV Ruta de Enduro Medela MTB

O concello de Cervo será o escenario o domingo 2 de marzo da tradicional Ruta de Enduro Medela MTB, que xa vai pola XIV edición.

Esta cita deportiva foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés; o edil de Deportes, David Rodríguez, e polos membros do club organizador David e Víctor Riera na contorna da piscina municipal, que será o punto de saída e a meta da proba.

O Concello de Cervo explica que “a carreira, de dificultade media-alta, será duns 30 quilómetros, 1.200 metros de desnivel acumulado e permitirá desfrutar de 4 tramos acondicionados polos membros do club durante os últimos meses con moito traballo e esforzo para que os amantes do enduro poidan gozar da competición ao máximo”.

A alcaldesa e o concelleiro quixeron agradecerlles, unha vez máis, aos integrantes do club o seu traballo: “eles son a alma mater dunha competición que ano tras ano demostra ser un verdadeiro reflexo do esforzo, a dedicación e a paixón que teñen por este deporte porque non só participan activamente na ruta senón que son os responsables do seu acondicionamento e do deseño do trazado, cun respecto absoluto pola contorna que nos rodea. Esta competición é moito máis que unha proba deportiva, é ademais un atractivo para que os amantes deste deporte tamén poidan descubrir os atractivos do noso concello sobre as dúas rodas”.

A saída está prevista para as 09:30 horas na Piscina de Lieiro. As persoas interesadas poden inscribirse a través da web www.fgalegaciclismo.es, e atopar máis información na páxina de facebook Club Medela Mtb.