
O IES Dionisio Gamallo, de Ribadeo, acolle desde este pasado xoves, 6 de febreiro, a exposición Galegoza. A canción en galego, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para “dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical no noso idioma”. A exposición permanecerá no hall de entrada do centro ribadense ata o 20 de febreiro.
O deputado de Mocidade, Daniel García, participou na inauguración da mostra, na que o comisario e crítico musical Pepe Cunha repasou co alumnado os contidos dos paneis, un percorrido histórico pola música en galego desde os anos sesenta ata a fornada actual, na que se sinalan, entre outras, aportacións de artistas da Mariña como Ugía Pedreira e Nuno Pico ou formacións como Adufeiras de Salitre, da que forman parte as mariñás Iria Penabad e Carolina Vázquez.
O responsable provincial presentou a exposición como “unha mostra de que galego non ten límites, de que en galego se fai música de moitísima calidade e de todos os estilos e de que a nosa tradición musical interesa e se escoita en todas as partes do mundo”.
A exposición está formada por unha trintena de paneis que repasan o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta ata a
revolución creativa actual, a través das bandas e solistas máis influíntes en diferentes estilos -ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e
electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap-. A mostra incorpora códigos QR cunha ligazón directa a unha lista de reprodución propia do
proxecto para poder escoitar unha escolma de temas representativos da evolución descrita nos paneis.