Viveiro acolle diversas actividades do 4 ao 20 de outubro con motivo dos Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa

Viveiro acolle diversas actividades desde o día 4 ata o 20 de outubro con motivo dos Días da Rede Euroepa de Celebracións da Semana Santa e Pascua.

O programa desta edición, que se celebra con carácter anual, inclúe máis de medio centenar de actividades que se desenvolven, durante as datas citadas, en quince dos municipios adheridos á Rede Europea. No caso de Viveiro, haberá unha exposición de imaxes da Semana Santa, un concerto de música procesional, visitas e xornadas de portas abertas a igrexas, e o encontro infantil ‘Colorea a túa Semana Santa’.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca que “esta iniciativa permite coñecer, fóra da súa época de celebración, o patrimonio cultural e histórico vinculado á Semana Santa con actividades para todas as idades”. Este programa permite ademais, fóra da época de celebración da Semana Santa, "ofrecer unha oferta turística e cultural para a poboación local e visitante", engade Loureiro.

Precisamente porque en Semana Santa e Pascua os cidadáns queren gozar das súas propias tradicións, estes días son unha ocasión excepcional para coñecer este inmenso legado en distintos recunchos de Europa. Con iso, lógrase desestacionalizar o momento para coñecelas e facelo dun modo diferente.

A Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, creada en 2019, é unha organización que traballa pola difusión das tradicións vinculadas coa Semana Santa e Pascua, salvagardando deste xeito o seu rico patrimonio. O seu obxectivo fundamental é contribuír a un mellor coñecemento dos valores deste extenso legado, vivo nunha gran parte de Europa. Un legado que combina notables diferenzas locais, coa súa ampla difusión como elemento común de moitas rexións.