A Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia presentou os carteis para a trixésimo oitava edición da Feira do Bonito, evento que se celebrará en Burela os días 3 e 4 de agosto, sábado e domingo.
A presidenta de Ledicia, Rocío Rivera Seara, explica: “pasado o ecuador do mes de xullo, despois da celebración do Carme -a Raíña do Mar- e co recordo de que nestes días se cumpren 30 anos de aquela guerra do bonito, estamos no punto perfecto para lembrar e reflexionar, e continuar rendendo homenaxe ao mundo mariñeiro. Aquel punto de inflexión propiciou o nacemento do pregón da feira e o recoñecemento das persoas que traballan nela como Asador Maior (e co devir dos tempos Colaboradora de Honra). Hoxe sacamos á rúa os carteis que anunciarán a XXXVIII FEIRA DO BONITO. Como xa temos publicado, o cartel anunciador foi realizado por Maite Fernández Cendoya, e a portada do programa de man por Camilo Silva Larrosa”.
Rocío Rivera tamén anuncia que “ao longo da vindeira semana terá lugar a presentación do total da programación da Feira, que xunto con Produart, terán lugar na primeira fin de semana de agosto. Conferencias, ecoloxía, literatura, deporte, xogos, música, gastronomía... Todo isto poderán saborear neses días en Burela, cociñado por máis dun cento de persoas, convenientemente arroupado pola colaboración de entidades públicas e privadas e coroado coa participación veciñal e d@s moit@s visitant@s, que agardamos nos acompañen”.