O X Torneo de Tenis Concello de Burela disputarase do 13 ao 28 de xullo

O X Torneo de Tenis Concello de Burela - Memorial Jose Luis Yebra terá lugar nas instalacións deportivas da Marosa entre este sábado, día 13 de xullo, e o 28 de xullo. A competición está organizada polo Concello e o Club de Tenis A Marosa en lembranza do socio do club falecido no ano 2015, que foi un dos grandes impulsores deste deporte na localidade.

"Ao celebrarse o X aniversario do Memorial Jose Luis Yebra, haberá unha homenaxe máis especial, se cabe, a Jose Luis", sinalan dende a organización do evento. Tamén se celebra o décimo aniversario da creación Club de Tenis-Pádel A Marosa, polo que se lle entregará un recordo da ocasión a todas as persoas participantes.

Esta nova edición do torneo foi presentada polos integrantes da directiva do club Arturo González, Fernando Rey e José María Pérez, así como pola alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena.

A alcaldesa quixo agradecer ao club "o enorme traballo posto en celebrar este evento e en darlle continuidade, xa que chega xa á súa décima edición e está consagrado como unha das citas clave do deporte en Burela".

Pola súa banda, o concelleiro Carlos Méndez Pena aproveitou a ocasión para "reivindicar o legado de Jose Luis Yebra, cuxa memoria está absolutamente viva en Burela grazas a, entre outras cousas, o seu gran traballo no club".

Haberá categoría individual absoluta, dobres absoluta e polo menos dúas categorías individuais xoves. A cota de inscrición será de balde para membros do club, mentres que para persoas non socias será de 10€ na categoría individual absoluta e 5€ por participante nas categorías restantes.