A concelleira de Turismo, Marta Saiz, explica que “nun afán de remarcar o contido cultural do evento, as antevésperas e vésperas aumentan o seu protagonismo. Desta maneira, contaremos con múltiples e diversas actividades que se repartirán durante o mes de xuño e comezos de xullo: visitas guiadas, obradoiros de repostería indiana para hostalería e familias, monicreques, teatro, etc... e algunha sorpresas máis que iremos revelando”.
A edil ribadense contou que “a primeira destas actividades terá lugar o este sábado, 15 de xuño, ás 12 horas. Trátase dun paseo guiado teatralizado a cargo de Suso Martínez, guía-actor mariñán de enorme prestixio, habitual en anteriores edicións cunha gran acollida de público. Este paseo discorrerá dende o parque de San Francisco ata o xardín dos indianos descubrindo as arquitecturas e o legado indeleble de América na identidade contemporánea de Galicia”.
Saiz engadiu que “estas visitas continuarán ao longo do verán durante os días: 29 de xuño, 6 e 27 de xullo, 10 e 14 de agosto e 7 de setembro. Serán de carácter gratuíto, pero con previa reserva, que poderá tramitarse a través da páxina web de turismo de Ribadeo, na sección de Momentos”.