Esta fin de semana o Centro Comercial Histórico de Viveiro aposta unha vez máis por impulsar as compras e o ocio na súa cidade e pon en marcha este venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño a campaña Shopping Weekend, un fin de semana de compras ofrecendo fantásticos descontos en miles de artigos.
Desde o CCH sinalan que “esta campaña sempre é un éxito de afluencia de xente a mercar no comercio local, porque os descontos son moi atractivos e poden aproveitar para mercar artigos para a temporada de verán agora que xa nos empeza a acompañar o bo tempo. Os locais participantes estarán identificados cós distintivos da campaña, banderolas de color fucsia de 2,60 metros de altura colocadas nas entradas dos comercios, indicando o desconto do 20%, así como vinilos da mesma cor pegados nos escaparates. Deste xeito para o cliente é moi sinxelo identificar aqueles locais nos que poderá desfrutar da campaña de descontos. Tratase de ofrecer ó cliente a mellor calidade, variedade e prezo, sen ter que desprazarse, mercando no comercio local, un comercio que ofrece un trato persoal e profesional. É moi importante lembrar que estes descontos non son acumulables a outras ofertas que xa teñan nos comercios, a encargos ou a devolucións, xa que é unha campaña puntual organizada só para as vendas destes dous días”.
Para o CCH “é unha oportunidade fantástica para pasar a fin de semana facendo compras nos 44 comercios participantes na campaña e desfrutar de descontos do 20% en miles de artigos. Participan locais de moda de home, muller e nenos, calzado, complementos, artigos de deporte, lencería, xoias, mobles, decoración, agasallos, artigos para o fogar, alimentación, iluminación, óptica, telefonía, estancos e salóns de peiteado. Esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, dentro das axudas para a dinamización de Centros Comerciais abertos de Galicia”.
Dende o CCHV animan “a veciños e visitantes a vir este fin de semana polo centro histórico de Viveiro, aproveitar o bo tempo para desfrutar dun dia de compras ó aire libre, mercando con fantásticos descontos e de paso desfrutar da hostalaría, das terrazas e da gastronomía que nos ofrece esta zona”.