O Concello de Viveiro está a participar no salón turístico de Galicia, Turexpo, cun stand propio, co obxectivo de amosar o potencial turístico do municipio.
O evento estase a celebrar en Silleda, dende hoxe, mércores 30 de maio, e ata o domingo 2 de xuño, no marco da celebración da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. A sección FESTUR, na que se encadra o stand de Viveiro, está adicado ás festas declaradas de interese turístico. No caso de Viveiro estas son a Semana Santa, festa de interese turístico internacional, e tres celebracións declaradas de interese turístico de Galicia: a Romaría de Naseiro, a Rapa das Bestas e a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro.
A inauguración do stand contou coa presenza do segundo tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, que sinalou que a feira "servirá para dinamizar o grande atractivo turístico de Viveiro, dando a coñecer as dúas festas e os demais recursos do municipio". Ofreceranse folletos e información sobre a localidade ao longo das tres xornadas de duración do evento. "Agardamos que a cita sirva para afianzar aínda máis a posición de Viveiro como un referente do turismo de calidade en Galicia", destaca Fernández.