Special Olympics Galicia e o Concello de Viveiro presentaron esta tarde a 26 edición do Maratón Autonómico Urbano para persoas con discapacidade intelectual, que a asociación deportiva celebrará este sábado 25 de maio na localidade lucense. Para dar a coñecer toda a programación, o Concello de Viveiro acolleu o acto de presentación coa presenza do tenente de alcaldesa, Jesús Fernández Fernández; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, e o xefe do Servizo Provincial de Deporte da Xunta, Manuel Otero Méndez, ademáis das representantes da asociación local ASPANANE, a presidenta, María Dolores Fernández Pérez, e a directora xerente, María Elena Santos Cociña.
O representante da Xunta, Manuel Otero, agradeu a todas as asociacións que van estar presentes na xornada así como a clubes e atletas, “como Adrián Ben ou Susana Rodríguez Gacio, que son todo un referente”. Pola súa parte o tenente de alcaldesa de Viveiro, Jesús Rodríguez, quixo recalcar o programa municipal “Viveiro Inclúe” que facilita o deporte a persoas con algún tipo de discapacidade, “sempre estamos aí tratando de colaborar no que se poida con asociacións que organizan este tipo de eventos”.
A presidenta de ASPANANE, María Dolores Fernández, agradeu a Special Olympics e ao Concello polo apoio, e desexou “que os participantes o pasen ben e que faga un bo día para que poidan ademais gozar da súa visita á localidade. Foi o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández, o encargado de pechar o acto agradecendo ás entidades que fan posible estas actividades, ao Concello “onde xa levamos uns cuantos eventos e sempre que vimos somos ben recibidos con moito apoio”, á Xunta “que xa é patrocinador oficial apostando sempre polo noso proxecto”, á Deputación “que aínda que non está aquí é unha das que maior apoio recibimos” e a Aspanane “polo traballo que facedes e por implicarse unha vez máis no proxecto de Special”. Acabou a súa intervención convidando “aos veciños e veciñas de Viveiro e da contorna a que veñan ver unha actividade diferente, que é ver ás persoas con discapacidade intelectual participar e ver o estímulo que se crea para poderen superar as súas carencias e diferenzas”, e recordando ao ex alcalde Melchor pola grande implicación que sempre tivo co proxecto de Special Olympics.
O Maratón Autonómico Urbano terá lugar este próximo sábado en Viveiro, onde un total de 138 deportistas con discapacidade intelectual de toda Galicia participarán neste encontro co apoio de 35 adestradores, ao que se sumarán 33 persoas voluntarias e outras 10 persoas da organización, reunindo a máis de 200 persoas nesta xornada deportiva. En total son 11 as entidades participantes, das cales 5 proveñen da provincia de Lugo (Eu Son, CAPD Sarria, Prodeme, San Pablo e San Lázaro e Aspanane), 3 de Ourense (Asfaval, Aspanas e ADO), 2 de A Coruña (Apader e Aspas) e 1 de Pontevedra (San Francisco).
O Maratón Urbano de Special Olympics Galicia comezará ás 10.45 horas co acto inaugural na Praza do Concello de Viveiro por parte do grupo de autoridades, que incluirá desfile das asociacións participantes e lectura do lema dos deportistas de Special Olympics “Quero gañar, máis se non o acado, deixádeme ser valente no intento”. As probas iniciaranse logo a partir das 12:00 horas coas saídas dos diferentes niveis de competición, e prevese que o acto de clausura sexa en torno ás 14:20 horas.
Special Olympics Galicia continúa así apoiando o deporte como práctica vital para o fomento da inclusión e como oportunidade para visibilizar a este colectivo de persoas con discapacidade intelectual.