Oito concellos galegos, entre eles Viveiro, impulsarán a implementación da Axenda 2030 no eido local a través dos obradoiros ‘Todos os ODS son locais’, organizados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo ‘People & Planet’. No caso de Viveiro o obradoiro será o 14 de marzo de 10:00 a 14:00 horas na sala multiusos do Concello. É necesario inscribirse previamente neste enlace: https://forms.gle/bjoAYewtNxgua8LNA
A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, da que forma parte representando a Viveiro a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega, celebrou a primeira xuntanza presencial do ano no Concello de Pantón, en sinal de agradecemento pola súa recente adhesión a esta rede de administracións locais e provinciais comprometidas coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global.
“A actividade do 14 de marzo está dirixida a persoal político e técnico dos municipios, deputacións e mancomunidades, pero tamén a asociacións de todo tipo e xente nova, desde colectivos de carácter social e cultural ata agrupacións de comerciantes ou ANPA”, explica Lara Fernández Fernández- Noriega, que engade: “as administracións locais teñen un papel chave na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, pero para acadalos cómpre implicar a todos os sectores da sociedade, de aí que sexa preciso fortalecer os lazos entre os diferentes axentes e promover unha acción coordinada”.
O programa permitirá achegarse aos principios fundamentais da Axenda 2030 e ás fases do proceso de localización mediante exemplos de boas prácticas, ao tempo que se empregarán dinámicas participativas para explorar conxuntamente estratexias para territorializar os ODS, de xeito que xurdan iniciativas que despois poidan ser levadas á práctica.
O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.
A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030.