
A Asociación de Comerciantes, Industria e Autónomos de Burela lanza unha forte campaña de rebaixas ata o vindeiro 8 de marzo para promocionar os grandes descontos dos establecementos de proximidade do municipio. Nesta actividade participarán 27 negocios que poñerán diversos artigos a prezos irresistibles.
Unha vez máis, a entidade empresarial quere premiar as compras no comercio local, durante o tradicional período de rebaixas, xa que con cada compra realizada entre o 8 de xaneiro e o 8 de marzo a clientela poderá conseguir vales de 10 euros en combustible para canxear en Estación de Servizos Vista Alegre.
Ademais, esta iniciativa terá un final espectacular, dado que os días 1 e 2 de marzo chegan os “Fóra Stocks” nos que determinados produtos terán grandes descontos. Un xeito de incentivar aos clientes e tamén de que os comercios poidan liquidar os artigos doutras temporadas.
Dende ACIA Burela queren animar a veciñanza e visitantes a participar nesta gran campaña de Rebaixas, xa que mercar nos establecementos de proximidade da vila pode ter premio.