Burela de Ruta Verán 23 é a oferta turística do Concello para este verán, que foi presentada este mediodía no Barco Museo Reina del Carmen. Trátase dun conxunto de visitas guiadas coas que se pretende dar a coñecer e poñer en valor o extenso patrimonio mariñeiro, o singular patrimonio xeolóxico, declarado geosite, e o patrimonio artístico-cultural, fomentando así un turismo de calidade, sostible e slow, para poder coñecer en profundidade o territorio, a súa esencia e idiosincrasia.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, contou que “son actividades que se implantaron por primeira vez o ano pasado e funcionaron moi ben, polo que entendemos que temos que seguir nesa liña. Algunha xa leva varios anos funcionando, como as rutas da lonxa, que é unha das actividades con máis éxito e que máis lles gusta á xente e temos moita afluencia a elas; neste aspecto quero agradecer a ABSA a colaboración co Concello de Burela para poder facelas”.
O edil burelés explicou que “seguimos apostando tamén polas xeorutas, unha actividade que cando chegamos, no ano 2016, quixemos impulsar. Visto o éxito e a implicación que ten por parte da xente que nos visita seguimos apostando por estas rutas da man de Fran Canosa; a verdade é que merecen a pena porque son unhas visitas moi ilustrativas e que dan a coñecer toda a nosa costa”.
Fernández Rey seguiu a relatar que “temos tamén o Barco Museo mariñeiro, que sempre está aí dispoñible para ser visitado. O ano pasado tivemos récord de visitas e para este verán as expectativas son que incluso se superen eses rexistros. Hai que agradecer, neste caso, o traballo incansable de Lino, tanto no coidado como na maneira en que ensina o barco, polo que a xente leva unha impresión moi positiva desta visita”.
O concelleiro de Turismo dixo que “volven tamén este ano coa asociación de mariñeiros xubilados A Moncloa, que sempre están aí para colaborar en que medre Burela e para que teñamos cada vez máis actividades turísticas; e van explicar aos visitantes todo o que ten que ver coa historia mariñeira de Burela. Como concelleiro quero mostrar o meu orgullo e o meu agradecemento a toda esta xente por ensinar a nosa cultura mariñeira. E apostamos tamén, outra vez, pola visita á conserveira Faro de Burela, iniciativa que se poñía en marcha por primeira vez o ano pasado e volvemos comentar coa responsable desa empresa, Verónica, a posibilidade de seguir impulsando esta visita e ela desde o primeiro momento accedeu a facelas porque o ano pasado saíu moi contenta do resultado das visitas; e polo tanto seguimos apostando por ensinar como transformamos o noso produto desde o porto ata a latas de conservas que elabora tan maxistralmente Verónica”.
Outra das posibilidades para este verán en Burela serán as visitas guiadas á igrexa de Vila do Medio: “esta é unha iniciativa que temos que continuar impulsando porque ata agora non está tendo tanto éxito como agardábamos, pero vamos seguir poñendo empeño en ensinar a igrexa de Vila do Medio, coas súas pinturas góticas, onde vai continuar Iria facendo a visita guiada. Eu penso que temos unhas actividades moi interesantes. Aparte de disfrutar da nosa gastronomía, do noso comercio e das nosas praias, a xente que veña a Burela vai ter onde poder elixir para pasar eses ratos de lecer xunto coa súa familia. As expectativas que temos son moi altas e esperamos que este ano sexa turisticamente moi bo para Burela”.
Nun dos portos máis importantes do Cantábrico e do país, son tres as visitas guiadas que permitirán ao visitante mergullarse nas súas entrañas, no seu funcionamento, actividade e historia, amosando dende a vida dos mariñeiros a bordo dun barco, tanto no século pasado como na actualidade, as tarefas diarias, a tecnoloxía e útiles empregados, as artes de pesca do Cantábrico, a historia da pesca, etc… coa visita á Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, da man de Santiago Rivera e Antonio Abad, "O Gacha", e ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, da man de Lino Pernas, pasando por coñecer como se descargan as capturas, os procesos de pesado, etiquetaxe, e a primeira poxa oral automatizada no mundo coa visita guiada por Javier González á lonxa de ABSA, segunda en comercialización de Galicia, ata chegar ao procesado do alimento final unha vez capturado e mercado na poxa, coa visita á conserveira Faro de Burela da man da súa propietaria, Verónica Rodil, que elabora o produto local con máis arraigo, o bonito de Burela en aceite de oliva.
As visitas ao Barco Museo Reina del Carmen están programadas de martes a domingo ás 11, ás 12, ás 13, ás 17, ás 18 e ás 19 horas. A Ruta do Peixe desenvolverase do 3 de xullo ao 31 de agosto os luns ás 18:30 horas, de martes a xoves ás 19:30 horas e os venres ás 19 horas. Ás visitas á Moncloa serán de luns a venres ás 16 horas e os sábados e domingos ás 10 da mañá. E as visitas á conserveira Faro de Burela terán lugar de martes a venres ás 16, ás 17, ás 18 e ás 19 horas.
Burela tamén é un lugar de importancia xeolóxica a nivel mundial. A través de tres fermosas xeorutas que discorren ao longo da costa, Fran Canosa e outros/as expertos/as na materia, a través de explicacións amenas e aptas para todo tipo de público, tamén para aqueles que non están familiarizados con esta ciencia, descubriranlle ao visitante formacións de gran singularidade, algunhas monumentais como a "igrexa de Coedo", as súas historias, e a través destas a historia da terra que pisamos. A Xeoruta A Marosa terá lugar os días 8, 16 e 29 de xullo, 1, 9 e 12 de agosto e 17 de setembro; a Xeoruta O Perdouro será o 6, 21 e 23 de xullo, 3, 5, 19, 21 e 31 de agosto, 4 e 19 de setembro. E a Xeoruta O Cantiño terá lugar o 10 de xullo e o 26 de agosto.
A oferta complétase coa visita da man de Iria Pita, a técnico de turismo municipal, á igrexa da Vila do Medio e ás súas importantes pinturas murais do século XV, entrelazándose a historia da igrexa coa propia historia de Burela. Estas visitas serán os xoves de xullo e agosto ás 10:30 horas.