O Concello de Cervo vén de convocar o programa “Cervo a carón do voluntariado VI”, dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos.
O obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil é poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social.
Ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas durante todo o verán. As persoas interesadas poden recibir máis información no teléfono 691 65 66 00 e deben presentar a súa solicitude ata o 26 de xuño na Casa da Cultura de San Ciprián.
O proxecto de Acción Voluntaria prolongarase durante todo o verán, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.
A edil de Educación en funcións, Dolores García Caramés, destacou a importancia deste programa á hora de dotar de ferramentas á xuventude que lle permita poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso coa sociedade e recordou que nestes anos foron máis de medio cento os mozos e mozas que se sumaron á iniciativa da que eles mesmos destacan “o enriquecedor que resulta a experiencia na que fan grupo, e comparten momentos e vivencias únicas para o recordo”.
Entre as actividades nas que as persoas inscritas desenvolverán o voluntariado están o apoio ás noites alternativas de verán o apoio no Programa Concilia –dirixido ás crianzas e que se desenvolve durante as vacacións de verán para favorecer a conciliación familiar-, ou a colaboración en diferentes actividades nocturnas de carácter cultural.