A área de Deportes do Concello de Burela vén de anunciar as actividades para este verán, do 6 de xullo ao 26 de agosto. Haberá distintas opcións como xogos na praia, rutas de sendeirismo, happy dance e rutas en bicicleta.
O prazo de inscrición será do 27 ao 29 de xuño, debendo cubrir a ficha de inscrición que se facilitará na Casa da Xuventude, no Concello ou descargándoa da web municipal, e entregándoa na Casa da Xuventude xunto coa fotocopia do DNI do pai/nai e fotocopia do libro de familia. Poderán participar nas actividades todas as nenas e nenos nados entre os anos 2025 e 2009.
As cotas de inscrición teñen un custo de 8 euros por mes e actividade, é dicir, abonaranse 16 euros por actividade. En todas haberá un número máximo de prazas para asegurar o correcto funcionamento dos grupos, así como un número mínimo para poder levalas a cabo. A adxudicación das prazas farase por rigorosa orde de inscrición.
As actividades deportivas realizaranse na praia urbana e na praza do Concello, de luns a venres en horario de 10:15 a 11:30h (o grupo de 8-9 anos), de 11:30 a 12:45h (de 6-7 anos) e de 12:45 a 14h (a partir de 10 anos). Os xogos na praia serán os luns, as rutas de sendeirismo os martes, as rutas en bicicleta os mércores (de 5 a 9 anos) ou venres (maiores), e o happy dance os xoves.
“Todas estas actividades contribúen á dinamización no período de verán, ofrecendo alternativas ás pequenas e pequenos que non teñen escola nestes meses e fomentando o deportes desde idades tempranas, o exercicio físico e visión de equipo tan importante para o seu futuro”, destacou o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández.