O Concello de Viveiro organiza este fin de semana, días 7 e 8 de maio, coa colaboración de asociación de veciños de Galdo a tradicional Feira das Maulas, despois do parón obrigado pola pandemia do coronavirus.
A programación foi presentada esta mañá pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, o tenente de alcalde, Jesús Fernández, e membros da Asociación de Veciños Camiño de Galdo.
As Maulas naceron hai 300 anos como unha feira franca ou libre, na que os veciños de Galdo vendían aparellos de labranza, gando, pan, viño, panos ou froita.
“Un motivo de ledicia recuperar esta celebración, a Feira das Maulas forma parte de algo inmaterial e intanxible, de algo imprescindible en parroquias como Galdo: o sentimento de pertenencia”, explicou Loureiro.
A programación deste fin de semana inclúe o documental ‘Maulas, 300 anos legalizadas’, de Paco Salgueiro, na antiga escola de Galdo. O domingo será o mercado popular e a feira de gando, volverán as carreiras de cabalos e a xornada rematará cunha verbena.